Traballadores/as de Calviño Bascoy concéntranse en Oroso para denunciar as presións que padecen
Traballadores e traballadoras da empresa de transportes José María Calviño Bascoy, S.L. concentráronse este xoves en Oroso, onde vive o empresario, para denunciar a represión á que se vén sometidos, os despedimentos exemplarizantes, o acoso laboral e as baixas que se están a producir a consecuencia disto. Unha situación de constante “vulneración de dereitos fundamentais” que se mantén malia as recomendacións da Inspección de Traballo e que a CIG de Compostela xa anunciou que denunciará perante a fiscalía.
Segundo explicou Inácio Pavón, representante da FGAMT de Compostela, o persoal desta empresa de transporte padece todo tipo de presións desde hai xa máis de un ano, logo de que en xullo de 2015 saíra elixido un delegado da CIG, malia os intentos da empresaria, Cristina Calviño, de paralizar o proceso.
Con esta primeira concentración iniciábase unha campaña de información pública para dar a coñecer este caso, con pancartas e mobilizacións.
Pavón lembra que se solicitaron varias reunións coa empresa para solucionar os problemas que había, “cuestións de horario, porque traballaban doce e catorce horas diarias, sobre o pago de dietas que non se estaban abonando correctamente, as categorías profesionais non estaban ben recoñecidas ou que non se gozaba as vacacións”.
As xuntanzas, segundo explica o representante da FGAMT, celebráronse sempre cun representante da Asesoría Fisela, que asistía en nome da empresa e nelas o persoal manifestou sempre a súa disposición a chegar a acordos para que ir avanzando progresivamente na solución dos problemas.
Porén, respecto do horario, o que fixo a empresa foi dar orde de que ao cumprir as oito horas de traballo se puxeran en contacto coa empresa para recibir instrucións. “Pero a instrución que lles deron foi que alí onde estiveran quedaran a durmir no camión, cando até ese momento, e traballando no transporte diario, sempre durmiran no seu domicilio. Pero era, ou iso, ou asinar un papel conforme renunciaban a reclamar horas extra”.
Como os traballadores continuaron reclamando os seus dereitos, despediron a dous, o que sementou o medo entre o persoal e paralizou as súas reclamacións. “A partir de aí a empresa viuse forte e sucedéronse as presións e ameazas. Unha situación que levou á revogación do delegado da CIG por métodos fraudulentos, a que neste momento haxa tres traballadores de baixa por presións e acoso laboral, outro traballador máis despedido e varios sancionados”.
Todo isto foi denunciado no xulgado e posto en coñecemento da inspección de Traballo que, en dúas actas, indica á empresa como se ten que realizar a lectura do tacógrafo e que instrucións ten que impartir aos traballadores para o seu correcto uso. “Aínda así a empresa, conscientemente, dá ordes confusas e contraditorias para poder sancionar aos traballadores”.
Denuncia ante a Fiscalía
O ambiente laboral na empresa é tan abafante, e a vulneración de dereitos tan flagrante que a CIG de Compostela acordou, segundo explica o seu secretario comarcal, Anxo Noceda, “pór estes feitos en coñecemento da fiscalía cunha denuncia para que se indague e se leven a cabo as actuacións oportunas”.
Noceda sinala ademais que teñen acreditada a vulneración de dereitos por medio de gravacións nas que a empresaria de Calviño “manifesta claramente que a empresa para a que traballan como cliente principal, CHEP España, recoñece que lle exixe que faga un listado con todo o persoal afiliado á CIG a efectos de rematar co movemento sindical que existe nese momento na empresa”.
O secretario comarcal denuncia tamén os incumprimentos das instrucións da propia Inspección de Traballo e o papel da asesoría laboral, FISELA. “Estamos afeitos a que por parte das xestorías se retorza a legalidade para que as empresas aínda obteñan maiores beneficios, pero probablemente esta sexa das primeiras veces na que se da un caso como este: quen debería asesoralos na legalidade non só non o fai senón que vai aínda máis alá das pretensións da propia empresa mesmo ameazando aos traballadores diante da propia inspección”.