Traballadores/as de AluIbérica marchan para esixir solucións que garantan a actividade industrial e os empregos
Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica, en folga indefinida dende o pasado 26 de decembro para esixir a readmisión dunha compañeira e o cese da persecución sindical, marcharon este sábado dende a fábrica até a Delegación do Goberno para demandar a intervención inmediata das administracións española e galega que permita retomar a actividade industrial e garantir o mantemento dos empregos.
Ante o desmantelamento progresivo da planta, subliñou o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, o Gobernos non poden continuar pasivos e sen buscar solucións, máis cando foron promotores e avalistas do acordo do ERE e da posterior venda, como a saída para a fábrica da Agrela. Neste senso, advertiu que permitir por inacción que Alcoa leve a cabo o seu plan inicial de parada das cubas e peche da planta, agravaría a profunda crise industrial na que está somerxida a comarca, "camiño de converterse nun auténtico deserto industrial".
Fronte a isto, reclama que se fagan as inversións necesarias, se lle dea ocupación efectiva os traballadores/as e se efectivicen as achegas financeiras que estaban acordadas "porque só deste xeito se poderá dotar de futuro a AluIbérica". Filgueira reivindica actuacións políticas inmediatas e a intervención pública das plantas de aluminio primario, tendo en conta ademais que este é un sector estratéxico para a economía galega.
Contra atrás nas garantías de emprego
Neste senso, Julio Moskowich, delegado da CIG no comité de AluIbérica, alerta que "o tempo corre na nosa contra" xa que dentro de seis meses remata do prazo de mantemento do emprego establecido nas condicións da venda, sen que até o momento se produciran as inversións comprometidas nin se avanzara nada no desenvolvemento dun plan industrial para viabilizar a actividade produtiva e o mantemento dos postos de traballo.
"Levamos meses e meses agardando polo Ministerio de Industria para que retome a mesa industrial creada hai dous anos, pero non temos resposta ningunha, por iso hoxe vimos aquí pedirlle ao delegado do Goberno que inste ao Executivo a reactivala", explica. Pero Moskowich matiza que esa mesa "ten que ser para concretarse xa solucións e medidas para a fábrica, non para seguir dando voltas e máis voltas".
Con esta obxectivo, durante a reunión que tivo lugar hai un par de semanas, o comité demandoulle ao co conselleiro de Industria facer unha fronte común cos traballadores/as na defensa da continuidade da planta e dos empregos e interceder diante do Goberno español para buscar unha solución de futuro.
Abandono total da fábrica
Moskowich advirte do abandono total no que se atopa a fábrica, agudizado dende a chegada do Grupo Riesgo pois "das anunciadas inversións millonarias e dos plans de rearranque da electrólise non se soubo máis nada, polo que cando Alcoa deixe de apoiar economicamente a Riesgo o que tememos é que van desmantelar a empresa e despedir a todo o persoal".
A este respecto, apunta á responsabilidade compartida de todas as partes implicadas, a comezar por Alcoa, Parter Capital e o Riesgo, e seguindo polo Goberno español e a Xunta "que nos últimos dous anos amosaron unha total incapacidade, inacción e falta de dilixencia na busca dunha solución".
Seguimento do 100% da folga
Sobre o seguimento da folga, Moskowich subliñou que o paro indefinido está a ter un seguimento total por parte dos traballadores e das traballadoras, mais a empresa continúa sen querer sentar falar co comité. De feito, a única interlocución co Grupo Riesgo é través da mediación aberta no Consello Galego de Relacións Laborais para resolver o conflito xerado polo despedimento da traballadora, xa que a empresa nin sequera permite a entrada do comité de folga nas instalacións "vulnerando completamente os dereitos sindicais".