Traballadores/as de Alcoa marchan a pé de San Cibrao a Viveiro en solidariedade co compañeiro despedido
Arredor de cen traballadores e traballadoras de Alcoa realizaron este venres unha marcha a pé dende San Cibrao até os xulgados de Viveiro, en solidariedade co compañeiro despedido tras do accidente laboral ocorrido en xuño e a quen "a dirección pretende cargar en exclusiva a responsabilidade do sinistro e facer así un lavado de cara".
A marcha saíu ás 08:30 horas de San Cibrao e a bo ritmo chegou por volta das 11:45 horas ás portas do xulgado de Viveiro, onde o presidente do comité, Xosé Paleo, interveu para reclamar "xustiza para o compañeiro Ángel". Paleo explicou que a mobilización ten un carácter simbólico xa que hoxe non se realizou ningunha dilixencia relativa ao despedimento, e para trasladar o apoio ao traballador.
Neste senso, criticou que a medida disciplinaria aplicada pola empresa é excesiva, por canto aínda que o traballador cometeu un erro dende o punto de vista da seguridade, a raíz do accidente está nunha válvula que non ten denominación, non aparece recollida en ningún plano e que fora aberta quince días antes para a realización dunhas probas. Esa válvula, como consta no informe elaborado polo comité, non se pechou e nela está a orixe do condensado de vapor que provocou queimaduras graves noutro operario.
"Se o compañeiro tivera coñecemento da existencia desa válvula e que estaba aberta tería procedido, de seguro, doutro xeito. Pero a dirección no seu informe non contempla nada sobre a esta válvula, descargando toda a responsabilidade no traballador e utilizándoo como cabeza de turco", asevera Paleo. Lembrou que o comité leva meses tentando dialogar coa empresa para evitar o despedimento do traballador, pois entenden que "esta non é a solución aos problemas de prevención e seguridade que poida haber nas instalacións".
Situacións de risco
A este respecto, destacar que a pasada semana os delegados/as de prevención presentaron denuncia diante da Inspección de Traballo contra a dirección de Alúmina por obrigar ao persoal a realizar tarefas de superior nivel "para as que non está formado". Esta situación dáse porque Alcoa levou os recortes de persoal ao límite "e agora non é capaz de cubrir os postos con traballadores/as formados/as para garantir a seguridade da planta".
Engaden que este é o motivo polo cal dende o mes de agosto a empresa obriga a persoal que carece dos coñecementos adecuados a exercer de panelista "pondo así en perigo a todos os operarios e operarias que traballan en campo". De feito, os propios traballadores e traballadoras afectadas teñen manifestado a empresa que non se senten nin capacitados/as nin formados/as para desenvolver esta función.
A representación do persoal cualifica esta actuación da empresa como unha "temeridade" e pídenlle aos compañeiros e compañeiras que extremen as medidas de seguridade "xa que a dirección de Alúmina no dubida en despedir traballadores/as culpándoos dos accidentes".
Folga os días 1 e 2 de outubro
A marcha deste venres vén de precedida de manifestacións, repartos de follas informativas á entrada da fábrica e outro tipo de medidas laborais (como a non realización de horas extraordinarias, cambios de quenda a petición da empresa, non asinar formación que non se realice ou e cumprir as normas e procedementos ao 100%).
Ademais, para os días 1 e 2 de outubro, o comité ten convocada folga na planta de Alcoa San Cibrao para amosar o seu rotundo rexeitamento ao despedimento disciplinario do compañeiro e demandar melloras reais nas medidas de prevención e seguridade.