Traballadores/as de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic mobilízanse en defensa do emprego e dunha tarifa eléctrica industrial
Traballadoras e traballadores de Alcoa Coruña; Ferroatlántica Sabón; Ferroatlántica de Cee-Dumbría; Alcoa San Cibrao e Celsa Atlantic sumáronse á manifestación convocada polos comités de empresa esta mañá en Compostela. Unha mobilización que rematou diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, onde demandaron unha tarifa eléctrica competitiva para a industria electrointensiva e exixiron que se garantan todos os postos de traballo, mentres os presidentes dos comités se reunían co conselleiro de Industria.
A manifestación foi convocada de forma conxunta pola dura crise que está atravesando o sector siderúrxico e en protesta pola inacción en materia de política industrial do goberno central e da Xunta de Galiza que, “de non reaccionar a tempo vai deixar os polígonos industriais convertidos nun deserto”.
Neste sentido, Xosé Paleo, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, subliñou que “estamos aquí representantes de todas as industrias electrointensivas de Galiza para protestar polos elevados custos da enerxía eléctrica, que están provocando que se leve ao peche a dúas fábricas, en concreto en Alcoa”. Por iso asegurou que “é un problema político. Por iso ímoslles petar a porta na Xunta, para que nos dean un prezo da enerxía que nos permita traballar e competir ao mesmo nivel que outros países europeos”.
Pola súa banda Agustín Méndez, presidente do comité de Celsa Atlantic, exixiu ao goberno que facilite un marco enerxético que permita “competir en igualdade de condicións que o resto de plantas de Europa e do mundo, que permita á nosa industria seguir facendo investimentos en Galiza, nas nosas factorías, que manteña viva a industria e que non se aposte só polo sector servizos” e insistiu en que “a Industria é un sector fundamental para calquera país e neste máis”.
Ausencia de regulación enerxética axeitada
Tal e como se lembrou no manifesto ao que deu lectura o actor de teatro Santiago Fernández, en representación de todos os comités, o persoal das empresas electrointensivas está “canso de contemplar a errónea política en materia enerxética desenvolvida pola Administración Central ao longo dos últimos 8 anos e cabreados de tantas promesas incumpridas para regular unha tarifa estable e competitiva para o seu sector”.
A falta dunha regulación enerxética axeitada para a industria electrointensiva está provocando un aumento dos custos enerxéticos e unha perda de competitividade da nosa industria fronte aos países da nosa contorna, dentro e fóra da Unión Europea. Esta política enerxética, que cualificaron de “nefasta” está provocando que empresas como Alcoa da Coruña estea nunha situación crítica pendente de encontrar un inversor antes do 30 de xuño para evitar o peche das liñas de electrólises, ou que as factorías de Ferroatlantica de Sabón e Cee—Dumbria estean a enfrontarse a recortes de produción e ERTES.
Estatuto para empresas electrointensivas
Por iso, no caso de Alcoa de A Coruña, demandaron que tanto o Estado Español como a Xunta de Galiza participen, como inversores, na adquisición desas empresas garantindo así a transición ao momento no que por fin se acade un prezo competitivo. “Esta situación afecta a todos, porque as empresas que non están na situación anterior ven como as súas direccións esquivan facer inversións necesarias para o seu futuro e reducen custes empeorando as condicións laborais dos traballadores”, subliñaron.
Xunto a isto lembraron que a finais do ano pasado o actual goberno en funcións comprometeuse, vía Real Decreto lei, a elaborar un Estatuto para as Empresas electrointensivas que regulase a inestable situación enerxética deste sector e dotalo de prezos eléctricos competitivos. “Compromiso que a día de hoxe está incumprido e non sabemos cando se vai materializar” denunciaron, polo que exixiron ao goberno a súa aprobación pola vía de urxencia.
Igualdade de condicións
Para os comités, o obxectivo prioritario da administración central, da Xunta de Galiza e de todos os poderes públicos, debe consistir en que a industria electrointensiva compita en igualdade de condicións de mercado co resto de produtores mundiais.
Para iso defenden que se impulsen políticas idóneas de enerxía, cambio climático e uso eficiente da enerxía e que se modifique, con urxencia, a actual lexislación nesta materia, recuperando o control publico do prezo da enerxía tratando de reducir a brecha en prezos enerxéticos fronte aos nosos competidores Europeos.
Denunciaron ademais que “é un despropósito que en Galiza, sendo excedentarios na produción de enerxía eléctrica e soportando os custes sociais e medioambientais que produce esta actividade teñamos ameazado o futuro da industria do país por culpa do alto prezo da enerxía”.
Lembraron que “estamos en plena campaña de eleccións europeas e temos que exixir a os nosos representantes políticos que negocien as mellores condicións enerxéticas para o noso país por mor da falta da interconexión eléctrica ou impulsen unha tarifa eléctrica unificada dentro da UE, e así poder contratar a electricidade en calquera país da UE” para acabar así co oligopolio das empresas enerxéticas españolas que “xunto coa permisividade dos gobernos de turno son os culpables dos elevados prezos que pagamos”.