Traballadores/as de Albada quentan motores de cara a folga cunha concentración diante do Concello da Coruña
Os traballadores e as traballadoras de Albada concentráronse esta mañá diante do Concello da Coruña para esixir a intervención do Goberno local ante o bloqueo da negociación do novo convenio colectivo. A representación da CIG no comité demanda tamén que, ante a proximidade do remate da actual concesión, o Concello active todos os mecanismos para garantir o mantemento dos empregos, así como as condicións laborais e económicas que ten o persoal da planta de tratamento de residuos.
A protesta deste venres supón un preludio á folga indefinida que, de non reverterse o actual bloqueo na negociación, comezarán os traballadores e traballadoras da UTE Albada (filial de Urbaser) na noite do domingo 21 de abril. Ademais, o vindeiro venres día 12, repetirán protesta diante do Pazo de María Pital.
Conxelación salarial e das condicións laborais
A sección sindical da CIG denuncia a empresa leva máis de un ano enredando sen achegar ningunha oferta que dea resposta ás reivindicacións da parte social e permitira avanzar un acordo. “Primeiro, Albada-Urbaser apareceu cunha proposta de recorte salarial insultante, pretendendo utilizarnos como reféns nas súas desavinzas co Concello sobre a data de remate da concesión. Unha vez aclarado este punto, a empresa bloquea as negociacións ao enrocarse nunha proposta de convenio que supón manter conxeladas as condicións salariais e sociais, e non permite recuperar os dereitos que nos roubaron dende o ano 2012".
Non cómpre perder de vista que a negociación coincide co remate da concesión polo que, co convenio caducado, os traballadores e as traballadoras "estamos nunha situación de total incerteza. O que está en xogo son os dereitos socias e económicos do persoal e o futuro dos postos de traballo", advirten.
Remunicipalizar a planta de Nostián
De aí que, durante a protesta insistiran en chamar á intervención do Concello da Coruña no conflito. Neste senso, a sección sindical da CIG apunta que "a mellor garantía na defensa do emprego e as condicións laborais é a remunicipalización das instalacións", especialmente tendo en conta que o modelo de xestión privatizada escollido para a planta de Nostián, "que pon os cartos públicos en mans especuladoras que nin sequera teñen a sede no noso país", tense demostrado un absoluto fracaso.
Lembran que a empresa concesionaria nin sequera foi capaz en 20 anos de acadar as cotas de reciclaxe esixidas no prego de condicións, "que non permite máis dun 35% de rexeitamento, cando na actualidade estamos nun 55%". "Queda claro que a xestión privada empeora á pública, polo que solicitamos do Concello non só a elaboracións duns pregos que garantan emprego, condicións e un tratamento dos residuos que responda ás necesidades da cidade e dos concellos que atende, senón que lle reclamamos ao Goberno local que sexa valente e remunicipalice o servizo".