Traballadores/as de Albada continúan coas protestas para esixir solucións ante a demora dos pregos de condicións
Traballadores e traballadoras da planta de tratamento de residuos de Nostián proseguiron este xoves coas mobilizacións para esixir solucións ante a dilación na elaboración dos pregos de condicións do novo contrato, denunciar o deterioro progresivo das instalacións a causa da falta de mantemento por parte de Albada, a perda continuada de dereitos que veñen sufrindo, así como manifestar a súa preocupación polo futuro do Consorcio das Mariñas.
A protesta (como vén sendo habitual dende o mes de xaneiro) realizouse coincidindo coa celebración do pleno municipal e durante a mesma criticouse o desleixo da concelleira de Medio Ambiente que, dous meses despois de ter concedido unha reunión ao comité, segue sen concretar a data da xuntanza tras anular a que estaba fixada para o 12 de maio.
Cada día que pasa confírmanse máis as dificultades para que os pregos saían publicados durante este lexislatura, o que suporía un atraso no novo contrato de máis de catro anos, posto que a elaboración dos pregos xa se iniciara no mandato da Marea Atlántica. Porén, o delegado da CIG, Hadrián Canosa, advirte que "nas condicións actuais, as instalacións non son sostíbeis até esa data". Polo que volveu reclamar do Concello da Coruña que asuma de forma directa o control da planta de Nostián mentres non haxa unha nova concesión.
Subliña que Albada, malia estar en situación de prórroga forzosa, continúa xestionando a planta como lle peta, sen cumprir cos niveis de recuperación e reciclaxe, recortando os dereitos laborais e salariais e deixando que as instalacións se deterioren cada vez máis pola falta de investimentos e mantemento preventivo.
"O Concello da Coruña non pode seguir desentendéndose deste conflito, é o titular das instalacións e ten que velar polo cumprimento das condicións dos pregos, pola seguridade do persoal e porque realmente se preste o servizo polo que a cidadanía está pagando", conclúe.