Persoal das electrointensivas mobilízase para esixir solucións que garantan emprego e futuro industrial
Uns mil traballadores e traballadoras das industrias electrointensivas galegas manifestáronse este mércores polas rúas da Coruña para esixir solucións que garantan o mantemento dos empregos e da actividade produtiva nas fábricas con altos consumos eléctricos e que revertan a crise industrial na que está sumida Galiza, con especial afectación no sector siderúrxico. A mobilización, convocada por CIG, UGT e CCOO supón o inicio dun calendario que terá continuidade nas próximas semanas con "novas e máis contundentes convocatorias".
Ao berro de "enerxía solución", a manifestación, na que participaron traballadores/as de Alcoa San Cibrao, Alu Iberia (antiga Alcoa da Coruña), Ferroatlántica de Sabón, Ferroatlántica de Cee-Dumbría e centrais hidroeléctricas, Celsa Atlantic ou Megasa, saiu da Delegación do Gobeno pasadas ás 11 horas e dirixiuse estrondorosamente até a Subdelegación do Goberno para retornar á Praza de Ourense, onde rematou coa lectura dun manifesto no que se denunciou a errónea política en materia enerxética desenvolvida polo Goberno español nos últimos oito anos e a inacción da Xunta de Galiza ante a desertización industrial do país.
Sen avances na creación dunha tarifa industrial
A este respecto, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, amosou a preocupación da central sindical pola falta de avances na creación dunha tarifa industrial e o silenzo do Goberno español sobre a admisión ou non das alegacións ao proxecto de estatuto de consumidor electrointensivo. "Descoñecemos a día de hoxe cales alegacións foron incorporadas, cales non e os criterios que se seguiron; e seguimos sen saber como se vai tramitar o estatuto, se como Real Decreto ou como Proxecto de Lei, o que atrasaría aínda máis a súa posta en marcha", sinalaba.
O responsábel de Industria da CIG lembrou tamén que todas as medidas recollidas nesa norma estarán condicionadas á aprobacion dos Orzamentos Xerais do Estado, que nestes momentos están aínda en preparación por parte do Executivo. Pero o que máis preocupa á CIG é que, segundo a información que transcendeu, o Goberno non ten prevista ningunha medida complementaria para este sector, agás o estatuto, que "é insuficiente para garantir os empregos e a produción".
"Entendemos que esta falta de medidas demostra unha absoluta despreocupación por parte do Goberno español coa industria electrointensiva, que aboca ao peor escenario: peche de fábricas, destrución de emprego e zonas do noso país totalmente desertizadas porque non teñen alternativa industrial".
A Xunta non ten proposta de país
Pero Bouzas Aboi tampouco quixo esquecer a responsabilidade da Xunta de Galiza que "carece dunha proposta concreta de país". A súa única alternativa, engade, "é aliarse cos gobernos de Cantabria e Asturies cando son reiteradas as negativas da Consellaría de Industria a convocar a representación dos traballadores/as para buscar unha proposta unificada para o conxunto do país".
Na mobilización deste mércores denunciáronse tamén as actuacións das empresas que aproveitan a situación de crise para non realizar as inversións necesarias nas fábricas e para reducir os custes empeorando as condicións laborais do persoal.
Neste senso, o secretario de CIG-Industria sinalou o despropósito que supón que Galiza, sendo excedentaria na produción de enerxía e soportando os custes sociais e ambientais que ten esta actividade vexa ameazado o futuro da industria do país por culpa do alto prezo da enerxía. Por iso, reclamouse dos Gobernos a recuperación do control público do prezo da enerxía e afrontar unha transición enerxética de maneira que sexa realmente xusta tanto social como territorialmente.