Traballadores/as das auxiliares de Endesa retoman as mobilizacións para exixir garantías laborais
Traballadores/as da industria auxiliar de Endesa retomaron este mércores as mobilizacións para exixir garantías laborais ante o peche da central térmica e o remate dos compromisos de mantemento dos empregos da eléctrica a finais de novembro. A protesta realizouse diante da delegación da Xunta en Ferrol para demandar que se acelere a reunión entre todas as partes implicadas e acadar solucións para que o persoal das auxiliares non teña que pagar co desemprego o proceso de transición.
Despois do anuncio o pasado 12 de agosto do peche da central e da reunión do día 7 de setembro en Madrid co Instituto de Transición Xusta, sindicatos e Endesa, "entendíamos que cumpría unha reunión máis completa na que estiveran presentes a empresa, os sindicatos, a Xunta, o Ministerio e o concello para abordar esta problemática", explica Alberte Amado, da CIG-Industria.
Lembra que os compromisos de emprego de Endesa co persoal das auxiliares rematan a finais de novembro, pero a día de hoxe non existe unha garantía laboral que non pase polo paro para os traballadores e traballadoras, para ter dereito a acceder á formación ou aos futuros proxectos industriais que se poidan instalar nas Pontes.
"Non pode ser que este persoal teña que pagar co desemprego a transición xusta", valora Amado. Por iso, urxe que se acelere a convocatoria desa xuntanza a varias bandas pois aínda que o día 24 de outubro está convocada reunión para falar do futuro económico das Pontes "ese non é o marco para concretar e buscar solucións para o persoal das auxiliares".
Neste senso, subliña que a pesar de ser a central térmica que tardou máis en pechar, este tempo non foi aproveitado nin polo Goberno do Estado, nin pola Xunta de Galiza, nin polo Concello das Pontes para concretar alternativas laborais nin solucións reais para estes traballadores e traballadoras.
Na mesma liña, a CIG segue a reivindicar o concurso de transición xusta para as Pontes e que se liciten os 1400 MW que vai liberar a central de Endesa ao seu peche, xa que contar con esta capacidade de evacuación é determinante para poder acometer novos proxectos enerxéticos anunciados e a única garantía para encetar un proceso de reindustrialización real do territorio.