Traballadores/as das auxiliares de Endesa levan a demanda de garantías de emprego ao Pazo do Hórreo
Aproveitando a última sesión do debate de investidura, traballadores e traballadoras das auxiliares de Endesa nas Pontes realizaron unha concentración esta tarde ás portas do Parlamento galego para demandar un proceso de transición xusto que pasa por dar garantías de emprego a este persoal e dotar de futuro industrial á bisbarra.
A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións periódicas que CIG, CCOO e UGT convocan ante a falta de avances nas solucións para os traballadores/as das contratas e subcontratas da central térmica que, a día de hoxe, seguen sen contar cunha submesa específica e permanente (no marco da mesa de transición xusta para As Pontes) na que abordar unha solución global e completa a súa problemática, ao igual que xa existe para o colectivo de transportistas.
Sobre a decisión de levar a concentración ao Pazo do Hórreo, Alberte Amado, da CIG-Industria, salientou que aínda que as competencias no proceso de transición don do Ministerio, a Xunta de Galiza ten competencias en materia de industria e de emprego, polo que tamén ten responsabilidades cos traballadores/as das auxiliares "e debe traballar para que se defina o número de persoas afectadas e darlle unha alternativa de garantía de emprego".
Neste senso, Amado sinala que neste momento continúa sen concretarse o número de traballadores/as, a causa das substanciais diferenzas entre os cálculos da empresa e a representación sindical.
As garantías de Endesa, só até finalizar as probas
Sobre as garantías de emprego ofrecidas por Endesa para a súa industria auxiliar, lembrou que só están vixentes até que rematen as probas cos biocombustíbeis na central, que previsibelmente se realizarán a mediados deste mes de setembro. "A partir de aí non sabemos se haberá despedimentos inmediatos ou que vai pasar. Por iso, a Xunta ten que ser parte activa na busca de solucións, non só criticar a pasividade do Ministerio".
E engade que é responsabilidade do Goberno galego iniciar os trámites para ter chan industrial nas Pontes que poida acoller proxectos que dean alternativas de emprego e de futuro á localidade.
Nesta liña, Amado volveu reclamar implicación real da administración estatal e autonómica para esixir compromisos a Endesa, "e feitos concretos, non só consignas sobre unha suposta transición xusta", atendendo ao que lles está a acontecer aos traballadores/as doutras centrais do estado "que só teñen o paro como alternativa ao peche, á espera de posíbeis proxectos".
Nova relacionada: A CIG demanda que Galiza poida decidir sobre os seus recursos e unha enerxía ao servizo do pobo