Persoal das ambulancias de Santiago e do Barbanza mobilízase contra a privatización de servizos
Traballadores/as das ambulancias das areas sanitarias de Santiago e Barbanza desenvolveron hoxe unha mobilización nos exteriores do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) en defensa dos postos de traballo no transporte sanitario non urxente e para rexeitar o anuncio da Xunta de retirar servizos do transporte sanitario non urxente afondando na súa privatización.
Con esta protesta queren rexeitar a intención da Consellería de retirar servizos, como as diálises e determinados tratamentos, do transporte sanitario para pasar a facelo en taxis ou VTC.
Segundo explican dende a CIG, esta é a primeira dunha xeira de mobilizacións que entrará directamente na campaña electoral como non se aclare de inmediato esta situación e se dean garantías do mantemento de todos os postos de traballo. O responsábel de Transporte da FGAMT-CIG de Santiago, Inácio Pavón, advirte que isto pode supoñer unha importante perda de postos de traballo e o empeoramento dun servizo público esencial.
“En agosto remata o concurso actual sen que haxa información oficial nin licitación, e o alcalde de Lalín, acompañado do conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, xa deron conta á prensa de que o traslado de pacientes de diálise pasaría a facerse en taxi dende setembro, afirmando que iso suporá menos atrasos”.
Segundo Suso Abades, delegado da CIG en Ambuibérica, “isto é unha puñalada por parte da Administración e das empresas, que o permiten; non pode ser que a tres semanas das eleccións anden facendo campaña cos nosos postos de traballo”.
Mellora do servizo público
Pola súa banda, Daniel Vázquez, delegado da CIG en Ambulancias Casablanca, censura que “cando nós estábamos loitando contra a COVID-19 sen EPI, eles/as estaban estudando como facer recortes nos servizos do transporte sanitario non urxente”.
Ao mesmo tempo, rexeita este tipo de discursos, que cualifica de tramposos, “porque se puxeran máis ambulancias habería menos atrasos. Levar a pacientes en taxi é ir cara a atrás en calidade asistencial”.
Finalmente, dende a FGAMT-CIG teñen solicitada unha reunión coa Consellería de Sanidade para que se aclaren de inmediato todos estes puntos. O sector leva anos demandando un mellor financiamento que mellore o servizo público e garanta unhas condicións de traballo e de saúde laboral que hoxe non se cumpren. “Esa é a solución aos problemas estruturais do transporte sanitario non urxente e non afondar aínda máis na privatización”, rematan.