Persoal da refinería da Coruña mobilízase contra os recortes laborais e a falta de investimentos
Ao berro de "menos prolongación máis contratación", "Josu Jon queremos inversións", ou "beneficios millonarios a conta dos salarios" traballadores e traballadoras da refinería da Coruña mobilizáronse este venres diante das instalacións para denunciar o deterioro das condicións laborais, especialmente polo exceso de xornada, as dificultades para exercer os dereitos de conciliación ou a falta de investimentos no complexo industrial por parte de Repsol.
A protesta foi convocada pola sección sindical da CIG, que xa adiantou que continuará coas mobilizacións se Repsol non dá solución ás problemáticas denunciadas. Durante a mobilización, o persoal portou un enorme plástico negro para simbolizar o inicio "dos venres negros" no complexo.
Xornadas de 12 a 16 horas
No relativo á situación laboral, a representación da CIG (maioritaria no comité) advirte que o sistema de coberturas do persoal a quendas está esgotado e neste momento hai traballadores e traballadoras que teñen que realizar xornadas de 12 e 16 horas. Ao que hai que sumar que no colectivo de xornada ordinaria e de mantemento estase a producir unha acumulación de multitude de horas e descansos pendentes de gozar, pola falta de persoal.
Denuncian ademais que as prácticas de Repsol dificultan a conciliación familiar e laboral, xa que se nega á flexibilizar os horarios para facilitar poder conciliar, négase a permitir o teletraballo naqueles departamentos que poderían realizar as súas funcións nesta modalidade sen maior problema, e carece de bolsa de contratación para a cobertura dos permisos de nacemento no caso dos homes traballadores, cuxas ausencias cubre coas dispoñibilidades dos compañeiros.
A representación da CIG critica que este proceder constitúe unha discriminación que xa foi denunciada na Inspección de Traballo, que lles deu a razón e que agora está xudicializada, posto que Repsol se remite á literalidade do convenio colectivo do ano 2018, no que unicamente se fai referencia á prohibición de cubrir os permisos de maternidade con dispoñibilidades.
A todo isto engádese a continuada redución de postos de estrutura na refinería e a externalización de traballo co único obxectivo de aforrar custes a conta de precarizar condicións laborais e salariais. Ademais, a representación da CIG reclama tamén unha actualización das retribucións do persoal, tendo en conta que os traballadores e as traballadoras están perdendo poder adquisitivo xa que teñen os salarios conxelados dende 2019.
Falta de investimentos no complexo
Con esta concentración, a CIG tamén quere denunciar a falta concreta de inversións no complexo industrial da Coruña para adaptar as instalacións ao novo marco imposto pola Lei de Transición Enerxética e garantir así o mantemento da actividade e o emprego no futuro.
Neste sentido, lembran que o ERTE imposto por Repsol en 2021, sen causas organizativas ou produtivas que o xustificaran e formulado en plena negociación do Acordo Marco, xa evidenciou ás claras até onde está disposta a chegar a compañía enerxética para eliminar dereitos de todas e todos os traballadores.
"Nesta tesitura na que a nosa empresa nos pon, non podemos seguir agardando. Por iso desde a CIG comezaremos unha serie de mobilizacións e que se irán intensificando en función do trato que recibamos. O día 13 damos comezo aos nosos venres na refinería", aseveran.