Traballadores/as de Pacholo S.L. demandan a Feijóo que cumpra os seus compromisos
Traballadores/as de Pacholo S.L, subcontrata encargada do transporte de residuos sólidos urbanos de SOGAMA, concentrábanse ás dez da mañá diante do Parlamento de Galiza para lembrarlle a Feijóo que desde o 23 de febreiro agardan pola creación dunha Comisión para abordar a situación laboral na que se atopan. Unha concentración que continuou despois diante de Sogama, onde fixeron entrega dun escrito solicitando unha entrevista coa empresa para informar dos incumprimentos das plicas por parte de Pacholo.
Tamén esta mañá se celebrou unha xuntanza, na consellaría de Medioambiente, para fixar os servizos mínimos durante a folga, que se prolongará desde o día 23 de decembro até o 11 de xaneiro. Un decreto que, previsibelmente, sairá publicado no DOG de mañá mércores.
A este respecto, o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, lembra que na convocatoria de folga anterior se fixaran uns servizos mínimos que foran declarados, por sentenza xudicial, abusivos. Por iso, con estes precedentes, asegurou que o comité de folga agarda que desta volta sexan inferiores e razoábeis.
Entrevista con SOGAMA
Segundo explicou o comité de folga, solicitaron a entrevista co Presidente de Sogama, porque leva desde que rematou a anterior contrata sen querer recibir os traballadores do transporte. Porén entenden que esta empresa pública é responsábel de deixar aos traballadores desprotexidos para que as empresas, como Transportes Pacholo ou a UTE entre Copasa, Renfe e Logirail “os exploten con condicións de miseria, rebaixando drasticamente as condicións económicas da contrata anterior”.
Demandas a Feijóo
Os traballadores/as lembraron tamén que o 23 de febreiro, o Partido Popular, con Alberte Núñez Feijóo desde a tribuna do Parlamento, se comprometeu a solucionar este conflito e a que se convocara unha mesa de diálogo entre SOGAMA, a Consellería de Medio Ambiente, a empresa e os traballadores. Un compromiso que acadou o acordo unánime do Parlamento, pero que a día de hoxe non está executado.
Transportes Pacholo, SL é a empresa que realiza o transporte de residuos sólidos urbanos entre as plantas de transferencia (abarcando o 94% dos concellos galegos) e as instalacións de SOGAMA e o vertedoiro de Areosa, ou entre as plantas e o tren, que transporta parte do lixo. O concurso público, o maior da pasada lexislatura, foi adxudicado á UTE entre Copasa, Renfe e Logirail e que subcontratou a Transportes Pacholo, SL, desde o inicio da concesión o pasado 1 de marzo, o transporte por estrada.
Os traballadores demandan que o cadro de persoal sexa fixo; que se cotice por todos os conceptos da súa nómina; que se estableza un cuadrante de traballo para todo o persoal e que se respecten as condicións mínimas de saúde laboral que, dadas as características deste traballo, non son unha cuestión secundaria, xa que están en contacto permanente con riscos bacteriolóxicos e realizan un transporte especial por estrada.
Tamén exixen que se respecten os compromisos asinados e rematen as presións aos traballadores e traballadoras. Presións que se traducen en ameazas de despedimentos e mesmo a exixencia “de que se dean de baixa da CIG e que lles entreguen un papel asinado que así o confirme”.
Segundo explicou o representante da CIG a empresa chegou mesmo a enganar ao persoal asegurándolles a moitos traballadores que formaban parte dos servizos mínimos cando non estarán fixados até mañá, nunha xuntanza coa consellaría de Medio Ambiente.