Persoal da compañía de automoción viguesa GKN esixe a retirada dos tornos de acceso aos vestiarios
Un grupo de traballadores/as da empresa do sector da automoción GKN Driveline de Vigo mobilizouse onte diante das instalacións da compañía, no polígono industrial de Zona Franca, para esixir a retirada dos tornos de acceso aos vestiarios e ás zonas de descanso.
Dende a CIG, que preside o comité de empresa, explican que a dirección comprometérase a retirar os tornos instalados no acceso aos vestiarios e ás zonas de descanso do persoal unha vez rematada a pandemia da covid. “Pero agora négase a facelo e quere mantelos para controlar os traballadores/as”, denuncian.
En consecuencia, a representación sindical decidiu iniciar protestas para que a empresa procede á súa retirada, que manterán até que iso non se produza. E incluso barallan unha convocatoria de folga no caso de que GKN non cumpra o pactado e non corrixa tamén os incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral.