Traballadores/as da central de Endesa intensifican as accións de protesta para esixir a constitución xa da mesa das Pontes
Os traballadores e as traballadoras da central de Endesa e das súas auxiliares realizaron esta tarde dous cortes de tráfico simultáneos (na rotonda de acceso á central nas Pontes e na rotonda entre Cabana e Pontedeume) para esixir do Goberno español que proceda de inmediato á convocar a mesa de traballo, con representación de todas as partes implicadas, e na que poder abordar as propostas e alternativas para garantir unha transición enerxética xusta para dotar de futuro industrial á comarca.
Por volta das seis da tarde, un grupo de persoas permanecía nas Pontes para facer unha concentración-corte de tráfico na rotonda de acceso á central térmica mentres que outro grupo máis numeroso se despregaba en todos os accesos da rotonda da ponte que une Cabanas e Pontedeume, onde permaneceron por espazo de case de unha hora, portando unha faixa e camisetas con lemas en defensa do emprego nas auxiliares.
Con esta medida, explica Alberte Amado, da CIG-Industria, búscase presionar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Xunta de Galiza para que "dunha vez", se constitúa esa mesa de transición enerxética onde estean presentes o Ministerio, a Consellaría de Industria, o Concello das Pontes, as centrais sindicais e a propia Endesa. "Non entendemos este deixamento político e que siga adiando a súa constitución, porque pasa o tempo e non se está facendo o traballo necesario", denunciou.
A este respecto, lembrou que outras autonomías "xa están por diante de Galiza tanto en proxectos de futuro, como en proxectos ligados a garantir o emprego e unha actividade industrial nas comarcas afectadas polos procesos de descarbonización". Criticou que tanto o Goberno español como o galego "pareza que estean deixando pasar este trimestre (único período no que Endesa trasladou un compromiso de manter o emprego nas auxiliares) e comecen os despedimentos para decidirse a iniciar ese proceso de formal".
Sobre o papel da Xunta de Galiza, Amado lamentou que se limite a reclamar unha e outra vez o arranque da central "cando iso non está a pasar", mais sen presentar propostas concretas. E entre tanta desidia dos Gobernos, Endesa-Enel continúa co seu plan, marcando os tempos, anunciando proxectos que nin sequera traslada á representación social e sen que se lle esixan compromisos co emprego e a reindustrialización da comarca, logo de décadas de obter millonarios beneficios a conta de espoliar os nosos recursos.
Plan de Acción Urxente
Por todo isto, a CIG reitera a necesidade de que Galiza sexa incluída no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas; e de que se asinen no inmediato convenios similares aos xa pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León.
De igual xeito, a CIG reclama dos Gobernos galego e español que fagan as accións precisas para que Galiza forme parte da denominada Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición e poida beneficiarse das axudas que a nivel europeo se destinen aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.
Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén participou na acción desta tarde, subliñou que ten que ser dende a mobilización "dende onde esixamos e demandemos unha transición ecolóxica xusta", que dea unha alternativa de futuro, de emprego e de industrialización ao noso país "e na que poidamos, dunha vez por todas, aproveitar a riqueza que xera a produción de enerxía para o desenvolvemento económico e social de Galiza, que tamén pasa por termos tarifa eléctrica galega".
Carril afirmou que a verdadeira transición ecolóxica "para que sexa tal e sexa xusta, ten que ser galega, ten que pasar porque se nos recoñeza o dereito e a capacidade de decidir sobre os nosos recursos e sobre o noso desenvolvemento económico e social. Doutro xeito, será unha nova versión, actualizada, das reconversións brutais que vivimos co Mercado Común Europeo, hoxe UE, que foi unha ruína para o pobo galego".