Traballadores/as de ambulancias concéntranse en Sanidade polo atraso na licitación dos contratos
Traballadores e traballadoras do sector das ambulancias concentráronse este mércores diante da Consellaría de Sanidade en Compostela para denunciar o atraso na licitación dos novos concursos dos transporte sanitario e os prexuízos que esta inacción da Xunta lles provoca, xa que non poden cobrar a paga de reposición recollida no convenio colectivo.
Lembran que a Consellaría se comprometera a ter rematado o proceso de adxudicación no mes de outubro do pasado ano, pero en pleno mes xullo de 2024, nin sequera foron publicados os prego de condicións dos contratos do transporte sanitario non urxente.
O responsábel sectorial da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, apunta que o pasado mes a Xunta sacou cinco contratos que quedaron desertos pola insuficiente dotación económica destes. Un problema que se vén arrastrando dende hai anos, que se repite contrato tras contrato e que levou a actual deterioro deste servizo público. "Agora o proceso está parado e non sabemos cando se volverán sacar".
Explica Pastoriza que os contratos do servizo do 061 xa están todos licitados, pero a demora no transporte non urxente provoca que o conxunto dos traballadores e as traballadoras non poida percibir a paga de regularización recollida no convenio colectivo que lle supón máis de 1.700 euros. Isto é así, porque no convenio se recollida que o abono desta paga se aplicará na mensualidade seguinte á adxudicación do último dos concursos públicos do transporte sanitario (urxente e non urxente).
"Se a Consellaría de Sanidade cumprira cos prazos que dixo, o persoal percibiría a paga na nómina de agosto, pero coa demora que leva o proceso, aínda que os contratos se licitaran agora non se cobraría até polo menos o mes de novembro, sumando un novo atraso cada mes que pasen sen adxudicar", apunta.
Neste contexto, o persoal acordou iniciar mobilizacións e remitir un escrito á Consellaría para que informe dos prazos que manexa para sacar os contratos, reclamarlle a máxima dilixencia e unha dotación económica suficiente "para evitar que volvan quedar desertos e que o persoal poidan cobrar a paga á que ten dereito".