Traballadoras/es do Banco Popular-Pastor continúan as mobilizacións contra o ERE
A protesta celebrouse esta tarde diante do Edificio da Fundación que entidade ten en pleno centro da Coruña ao berro de "Este ERE ímolo parar" ou "ERE de extinción para a dirección".
Dende a Sección Sindical da CIG sublíñase que os cadros de persoal en Galiza xa están bastante axustados logo de que saíran prexubiladas 400 persoas cando se produciu a fusión e outras 400 marcharan a Madrid ou abandonaran a empresa cando se desmantelaron os servizos centrais en Galiza. Unha situación que se verá agravada polo aplicación do ERE.
Por iso, subliñan, as negativas consecuencias desta decisión son evidentes: tanto pola perda dos postos de traballo, como directamente para a clientela e usuarias/os, que padecerán o empeoramento na atención e calidade do servizo, como resultado da diminución do número de oficinas e incluso a desaparición dun bo número delas no rural. "Consúmase así o proceso de redución do sistema financeiro galego nun contexto de encarecemento dos servizos que viña ofrecendo", denuncian.
A este respecto dende a CIG reclámase da empresa máis propostas que faciliten as saídas voluntarias, así como a aplicación de fórmulas alternativas que permitan rebaixar de forma substancial o número de persoas afectadas (como pode ser a aplicación dun ERE temporal, excedencias remuneradas, etc.).
En todo caso, a Sección Sindical responsabilizou da situación aos propios xestores do Grupo pola política de negocios emprendida, que provocou que o banco teña un enorme stock de inmobles e de chan "que agora queren pagar con postos de traballo".