Traballadoras/es de Linorsa esixen á Dirección do Sergas en Lugo que rescinda o contrato coa empresa
As traballadoras e os traballadores de Linorsa na provincia de Lugo levan en folga indefinida dende o pasado 22 de abril, en demanda do cobro dos seus salarios. Moitas das administración públicas que tiñan adxudicados os contratos dos servizos de limpeza con esta empresa incumpridora xa procederon á rescisión dos contratos. Tal é o caso da administración de xustiza, a Consellaría de Política Social ou o propio Sergas na provincia de Pontevedra.
Porén, non ocorre así co contrato que a Dirección do Sergas en Lugo ten con Linorsa. Malia as reunións mantidas entre a administración e o Comité de Folga, nas que a representación social demandou o inicio inmediato do trámite para a rescisión da contrata, a Dirección Provincial continúa sen facer nada.
Diante deste inmobilismo, a representación social acordou realizar este martes unha concentración diante do edificio da Consellaría e xa advertiron que, de continuar esta inacción, "o Comité de Folga intensificará as medidas de presión diante da Dirección Provincial do Sergas".
Neste senso, engadiron que, "á marxe do dramático que resulta para as traballadoras da limpeza supón tamén un grave problema de condicións hixiénicas para os traballadores/as dos laboratorios do propio Sergas, posto que polos produtos que empregan a limpeza resulta imprescindíbel".
"Mentiras da empresa"
Dende o Comité de Folga tamén queren advertir das "informacións falsas" que a empresa está a trasladar ao cadro de persoal, xa que a semana pasada anunciaron que no venres día 20 se procedería ao pago de salarios, "mais a día de hoxe ditos pagos non se produciron".
Xunto a isto, subliñaron que o conflito será tratado no Parlamento de Galiza, onde os grupos parlamentarios do BNG, AGE e Grupo Mixto presentaron mocións ao respecto.
Nova anterior: O persoal de Linorsa Lugo suspende a folga nos centros de Política Social pero continúa co paro no resto dos servizos