Traballadoras/es de Froiz concéntrase nunha tenda de Oleiros para reclamar os seus dereitos de conciliación
Delegadas e delegados de Froiz da provincia da Coruña concentráronse este mércores diante da tenda de Froiz de Santa Cruz, en Oleiros (Rúa Viñas de Babilonia) para denunciar que a empresa nega a posibilidade de gozar de vacacións nos meses de verán, coa escusa de que este supermercado está situado nunha zona de grande afluencia turística.
Lembran que desde a CIG levan moito tempo demandando da empresa o dereito a poder gozar de parte das súas vacacións durante o verán en todos os centros de traballo porque “é un dereito. É tanto pedir ter quince días de vacacións no verán?", cuestionan.
Por iso na concentración escoitáronse consignas como "queremos traballar e tamén conciliar", "as vacacións son un dereito, non un privilexio" ou "aínda que chova a nosa loita non encolle", en referencia á persistente choiva e ao vento que acompañou durante toda a protesta.
As delegadas e delegados da CIG subliñan que non hai nada que impida poder ter vacacións no verán aínda traballando en zonas turísticas e lembran que a obriga dunha empresa como FROIZ é “aumentar a contratación e dese xeito permitir que poidamos atender as nosas necesidades de conciliación".
"Queremos poder pasar máis tempo coas nosas crianzas ou coas persoas que compartimos as nosas vidas. Traballamos de luns a sábado e as nosas xornadas en moitas ocasións rematan moi tarde”.