Persoal do servizo de acompañamento escolar reclama á Xunta que obrigue a Monbus a cumprir o convenio colectivo
Traballadoras e traballadores do servizo de acompañantes do transporte escolar concentráronse diante do edificio da Xunta na Coruña para denunciar a precarización das súas condicións laborais e os reiterados incumprimentos dende que o Grupo Monbus se fixo coa maioría do servizo. O persoal reclama da administración galega que abandone a súa actitude de permisividade absoluta coa empresa e lle esixa respectar o establecido no convenio colectivo de aplicación, o do transporte de viaxeiras/os por estrada, e nos pregos de condicións dos contratos.
Este sector, ocupado de xeito maioritario por mulleres, ten unhas condicións cativas pero dende a chegada de Monbus, que presta actualmente a metade do servizo de transporte escolar en Galiza, estas foron a peor. "Non se están respectando as xornadas mínimas de dúas horas que marcan os pregos -hai traballadoras con xornadas dunha hora- e ao persoal subrogado que tiña contrato fixo-discontinuo estanlle facendo contratos eventuais pola duración do curso", explica o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.
Advirte que malia que a este colectivo se lle ten que aplicar o convenio galego do transporte de viaxeiros/as, Monbus aplícalles o Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, sen respectarlles nin as xornadas laborais, nin a antigüidade, nin as condicións que tiñan nas anteriores concesionarias. De feito, hai persoal que non foi subrogado directamente pola nova empresa (como se establece no convenio) senón que pasou a estar contratado a través de ETT.
Por se non fora abondo, tamén se rexistran problemas co pago dos salarios, e en moitos casos non se están abonando as nóminas até o día 10. "Traballas unha hora e páganche media e aínda por enriba páganche tarde. Monbus non quere arranxar as antigüidades, non quere regularizar as xornadas e tenos contratadas por ETT aínda que non pode, porque así o determina o convenio", denuncia unha das traballadoras da zona de Ferrolterra que leva 14 anos neste servizo. Estas irregularidades, matiza, xa foron denunciadas tanto diante da Xunta de Galiza como na vía xudicial.
Pero este recorte de dereitos non afecta só as súas retribucións, xa que ao reducir a xornada "non só perdemos salarios senón que tamén nos recortan as bases de cotización, o que nos afecta á hora de cobrar o desemprego no verán ou cando accedamos á xubilación", salienta.
Neste conxunto de despropósitos, apunta Xesús Pastoriza, a empresa nin sequera achega as instrucións precisas ás traballadoras para solución as incidencias. "Cando ocorre algún incidente, as traballadoras teñen que saber a quen dirixirse, pero agora mesmo, cando chaman a empresa porque hai problemas no servizo ninguén colle o teléfono, nin obteñen resposta".
Actuacións temerarias do grupo Monbus
A máis da problemática laboral, Pastoriza pon a atención no feito de que Monbus non conta co número de autobuses nin cos condutores e condutoras suficientes para atender o servizo, polo que está destinando un único coche para facer dúas rutas. "A consecuencia é que o persoal condutor vese obrigado a ir toda présa para cumprir cos horarios, co risco que isto implica para a seguridade viaria".
Denuncia esta forma de traballar temeraria do grupo Monbus, que incluso ten persoas apuntando os horarios dos e das condutoras, "e cada vez que chegan con atraso a unha parada métenlles presión para que apuren e cheguen ao seguinte servizo. Este proceder é intolerábel, ten que haber uns tempos lóxicos para funcionar á velocidade adecuada".
Permisividade total da Xunta
Pastoriza acusa a Xunta de permitirlle á empresa realizar todas as falcatruadas que quere, xa que a pesar das ducias de denuncias presentadas tanto polo sindicato, como polas ANPA e os centros educativos, nin a dirección xeral de Mobilidade nin a Consellaría de Educación teñen adoptado ningunha medida para obrigar a Monbus a cumprir cos pregos dos contratos e coas condicións laborais. "A política de mobilidade deste país pasou a estar nas mans de Monbus", alerta.
As eivas non afectan só ao servizo escolar, senón que atinxen ao conxunto do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada, sector no que o Grupo Monbus ten practicamente o monopolio. Por iso, a CIG adianta que continuará mobilizándose para esixir o cumprimento dos pregos de condicións e do convenio colectivo e para que se dea un servizo público de calidade.
E nesta liña, indicou Pastoriza, a central nacionalista tamén apoiará as protestas convocadas polos colectivos de usuarios/as, ANPA, centros educativos etc. "porque en todos os anos que levo no sector nunca tan mal funcionou nin nunca tantas queixas houbo".