Traballadoras/es do Quirónsalud seguen as protestas en demanda de melloras salariais e laborais
Traballadoras e traballadores do Hospital Quirónsalud A Coruña (Santa Teresa) continuaron na tarde de onte, martes 10, o calendario de mobilizacións para esixir melloras retributivas e que se reforcen os cadros de persoal, así como para rexeitar a discriminación salarial que está a aplicar a empresa.
O Hospital Quirónsalud, que pertence ao maior grupo sanitario privado do Estado, sofre dende hai tempo un déficit estrutural de persoal en todas as categorías, a causa das cativas condicións laborais e salariais que ofrece as traballadoras e traballadores. Porén, durante a negociación do convenio colectivo de sector, a patronal dedicouse a bloquear por sistema todas as melloras, negándose incluso a asumir o pago do traballo nos domingos.
Agora, a dirección do Quirón, nun intento desesperado de reter as profesionais, propuxo abonar un plus fóra de convenio para determinadas categorías que non soluciona os problemas reais de falta de persoal do hospital, pero crea discriminación salarial e incrementa o malestar que xa existía entre o persoal a causa do deterioro progresivo das condicións tanto laborais como a nivel retributivo.
Pero ademais, denuncia a sección sindical da CIG, o persoal ten que afrontar unha sobrecarga de traballo asfixiante. "Pero a Xerencia, en lugar de abordar en serio o problema e propoñer solucións beneficiosas para o conxunto do persoal, sácase da manda este plus que crea unha fenda salarial e agravios comparativos entre traballadoras/es.
Precariedade laboral é precariedade asistencial
A representación da CIG lémbralle á empresa que o seu é un sector onde se trata coa saúde das persoas e que a precariedade laboral "acábase traducindo necesariamente en precariedade asistencial, e isto é algo moi grave". Por iso, instan a dirección a que valore as e os profesionais como o gran activo que son do Hospital e a negociar unhas condicións de traballo dignas "que nos permitan ofrecer a mellor asistencia posíbel".
Diante disto, o comité (CIG, CCOO e UGT) acordou desenvolver mobilizacións todos os martes de marzo, de tal xeito que o día 1 haberá nova concentración de 10 a 11h diante da entrada principal do centro hospitalario.