Traballadoras/es do Concello de Cambre escenifican o enterro dos seus dereitos laborais e salariais

Cambre - 27 Mar 2025

As traballadoras e os traballadores do Concello de Cambre escenificaron este xoves o enterro do seus dereitos laborais e salariais. Cargando cun cadaleito e con roupas negras, o persoal mobilizouse arredor da Casa Consistorial para reclamar “solucións urxentes á situación extrema na que nos atopamos”. A protesta, a cuarta que realizan no prazo dun mes, fíxose coincidindo coa celebración do pleno ordinario deste marzo.

A delegada da CIG no Concello, Vanessa Paz, explica que despois de iniciar as mobilizacións, o Goberno municipal citou a representación do persoal a unha mesa de negociación o pasado luns “que resultou infrutuosa”. Advirte que “o camiño a recorrer” para acadar solucións á falta de persoal e ao deterioro das condicións laborais “é longo”, mais “o Goberno está dando pasos moi pequenos, totalmente insuficientes”.

Por iso, as traballadoras e traballadores acordaron continuar coas concentracións “para manifestar o noso profundo descontento coa situación que estamos a vivir, para que se nos escoite” e porque “queremos que a administración municipal funcione e que se mellore a nosa situación. Iso permitirá que os veciños e veciñas de Cambre reciban a atención e os servizos que merecen”.

Paz explica que despois de anos de negociacións infrutuosas, as condicións laborais das persoas que traballan no Concello de Cambre foron empeorando cada vez máis, entre outros motivos, a causa “da escaseza extrema de persoal”. Un déficit, derivado da “fuxida” de funcionarias e funcionarios a outras administracións “nas que si poden exercer todos os seus dereitos” e das vacantes xeradas polas xubilacións e as baixas –“moitas delas por motivos de saúde mental”- que tardan meses, ou incluso anos, en cubrirse.

A isto súmase que a Relación de Postos de Traballo, e polo tanto a valoración destes e a organización do persoal do Concello, datan do ano 1999, co agravante de que actualmente hai menos persoal para atender moita máis poboación, xa que son numerosas as vacantes sen cubrir. Denuncia a delegada da CIG que tampouco se desenvolveu a carreira profesional á que o persoal ten dereito por lei, hai dous anos que non se realiza a vixilancia da saúde obrigatoria, e non se atenden as reivindicacións sociais.

“En resume, sentimos que non se nos escoita e que somos o último que importa para o Goberno municipal”, lamenta.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.