Traballadoras/es de Pescadona mobilízanse en Cambados para reclamar o pago dos salarios e contra a represión laboral
Traballadoras/es da fábrica de Pescadona en Cambados desenvolveron onte unha concentración ás portas da fábrica de Pescadona en Cambados para reclamar o pago dos salarios pendentes e rexeitar a represión laboral por parte da empresa. Dende a FGAMT-CIG do Salnés instan a dirección a normalizar as relacións coa representación sindical -que vén de ser escollida por primeira vez- a elaborar un calendario para o cumprimento do convenio colectivo do sector da conserva.
Mar Vila, da FGAMT-CIG do Salnés explica que dende o pasado mes de xaneiro a central sindical é maioritaria no comité, sendo a primeira vez que se escollía representación na empresa, que conta con tres centros de traballo: Illa de Arousa, Sobradelo e Cambados. Nesta última localidade atópase a fábrica principal, así como o almacén e a zona de procesado.
“Pois ben, dende que a CIG entrou no comité a compañía foi regularizando o pago dos salarios, porque historicamente abonábaos con varios meses de atraso: en abril por exemplo ingresan o de xaneiro ou febreiro e así sucesivamente”. Con todo, o persoal aínda ten pendente de cobrar a nómina de marzo, e ás delegadas da CIG adebédanlles os soldos de todo o ano, cuestión que xa está en mans dos servizos xurídicos da central sindical.
“Por iso se convocaron as mobilizacións, para rachar co mudus operandi de atrasar o pago das nóminas, para que a empresa cumpra o convenio colectivo e para que normalice as relacións coa representación sindical, xa que nin sequera se constituíu o comité de seguridade e saúde”, denuncia Vila.
A responsábel sindical censura tamén que Pescadona non cumpra co convenio da conserva no que ten que ver cos atrasos de 2021, 2022 e 2023, “que non llos pagou a ninguén, unicamente a quen os reclamou pola vía xudicial”. Mais tamén incumpre coas licenzas e co calendario de vacacións.
Ademais, explica que boa parte das máis de 120 empregadas/os teñen contratos fixos descontinuos e levan tempo na casa sen traballar, “polo que reclamamos carga de traballo para a totalidade”.
De xeito que anuncia que o persoal continuará coas mobilizacións se empresa non se senta e se pon un calendario para o cumprimento do convenio e se avanza cara a normalización das relacións coa representación sindical. “Estamos no século XXI e non na Idade Media. A figura do patrón xa forma parte da Historia, polo que o abuso e a prepotencia van ter contestación”, advirte.