Persoal de Isidro 1952 concéntranse en María Pita coincidindo coa votación da moción de apoio á súa loita
Traballadores e traballadoras de Isidro 1952 concentráronse este xoves diante do Pazo de María Pita coincidindo co debate e votación no pleno municipal dunha moción presentada polo BNG de apoio á súa loita e para instar a Xunta a buscar unha solución que garanta a continuidade dos empregos e da actividade produtiva, tendo en conta a súa dobre condición de Administración pública e de acredora da compañía. A moción foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos municipais, agás do PP, que se abstivo.
O persoal continúa nunha situación de incerteza, á espera de manter unha reunión co administrador concursal para coñecer que medidas pensa levar adiante, poñer enriba da mesa un plan de viabilidade, así como un calendario para o abono dos salarios, pois os traballadores e traballadoras están chegando a unha situación límite ao levar sen cobrar dende mediados de novembro.
A presidenta do comité, Olga Rodríguez (CIG), sinala que esta semana a representación social se dirixiu á dirección para saber cando se ían entregar as cartas de despedimento e cando se comezaría a modificar as condicións ao persoal, ao que a empresa respondeu que ao estar en concurso xa non poden aplicar estas medidas sen a autorización do administrador. Cuestión que dende o comité xa lle advertira á dirección en numerosas ocasións.
Así as cousas, a CIG reitera a necesidade de que a Xunta de Galiza (que concedeu á empresa 23 millóns de euros en avais e préstamos) se implique na busca dunha solución que dea viabilidade e futuro aos empregos e a actividade produtiva.