Traballadoras/es de Intasa concéntrase en demanda dun incremento salarial xusto
Traballadoras e traballadoras de Intasa (dedicada á fabricación de parqué e tarima) concentráronse este venres diante das instalacións da empresa no Polígono de Penapurreira en demanda dun incremento salarial xusto, tendo en conta que levan coas mesmas táboas salariais dende o ano 2013 e nalgunhas categorías a empresa tivo que actualizar as retribucións porque coa última subida do SMI xa quedaran por debaixo do salario mínimo interprofesional.
As máis de 70 traballadoras e traballadores de Intasa están regulados polo convenio estatal da madeira, sen negociar dende o ano 2013 por diferenzas entre a propia patronal. Neste tempo, na maioría das empresas do sector fóronse negociando convenios de centro de traballo e incluso noutras plantas do grupo Intasa xa teñen convenios propios.
Antes do inicio da pandemia, na fábrica das Pontes iniciárase un proceso de negociación para acordar un incremento salarial e a instauración dunhas táboas de produtividade, e agora a diferenza que separa as partes é un 0,5%. "Dende a representación do persoal pedimos na parte fixa un 2,5%, pero a empresa está enrocada no 2%", denuncia o secretario da Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol, Marcos Sánchez.
Explica que ante a teimosía da empresa, o cadro de persoal (formado de xeito maioritario por mulleres) acordou realizar esta primeira concentración para rexeitar a proposta patronal, manifestar que non van tolerar un trato discriminatorio e exixir que Intasa aplique ese incremento nas táboas do 2,5% ao igual que xa fixo noutras plantas do grupo.