Traballadoras/es de Ferrovial Servizos concéntranse nos xulgados de Ferrol para denunciar a represión laboral
Traballadores e traballadoras de Ferrovial Servizos (que presta o servizo de limpeza do Hospital Arquitecto Marcide) concentráronse este venres diante dos xulgados de Ferrol, coincidindo co xuízo que ía ter lugar contra a empresa polas represalias laborais tomadas contra unha traballadora tras incorporarse dunha baixa médica. Finalmente, a vista quedou suspendida xa que na conciliación previa a compañía propuxo chegar a un acordo, que dende o comité se reclamou que beneficie a todo o persoal.
Así, explica Marcos del Río, presidente do comité (con maioría da CIG), ante a proposta da empresa, púxose como condición que ese acordo sexa efectivo no prazo dun mes, que repercuta no conxuntos dos traballadores e traballadoras de limpeza do hospital e que no mesmo se reflicta que Ferrovial Servizos respectará a equiparación económica, laboral e social que este persoal ten co Grupo E do Sergas.
A este respecto, dende a representación das traballadoras/es agárdase que esta non sexa unha simple manobra dilatoria por parte da empresa, senón que leve a unha normalización das relacións laborais e que por fin se comecen a respectar os dereitos do persoal.
Castigo a quen cae de baixa
Cómpre lembrar que Ferrovial Servizos está aplicando unha política de represión laboral contra o persoal que cae enfermo, ao que castiga con cambios de horarios e mesmo mudándolle o posto de traballo para darlle os servizos máis penosos, cando se reincorporan dunha baixa. Con estas prácticas busca dar exemplo ao resto dos compañeiros e compañeiras, o que está a ocasión que o persoal se resista a coller unha baixa por medo a ser represaliado, "e acuda ao seu posto estando enfermo e nunhas condicións que non son as máis adecuadas para realizar as súas tarefas, co conseguinte risco para a súa saúde".
A CIG-Servizos denuncia que con estas actuación Ferrovial "está lesionando o dereito fundamental á integridade física destes traballadores/as, xa que sanciona o persoal por coller baixas médicas". Algo que a central sindical xa ten denunciado, ademais de reclamarlle en numerosas ocasións á Xerencia do hospital que interveña e obrigue a empresa a respectar os dereitos laborais do seu persoal. Porén, até o momento a dirección do Arquitecto Marcide "non deu sinais de vida, consentindo no proceder de Ferrovial".
A Xerencia consinte
De feito, a central pediu por escrito á Xerencia a publicación no perfil do contratante das achegas técnicas das empresas que presentaron oferta no último concurso, "mais até o momento non atenderon a nosa solicitude". Del Río lembra que dende hai 13 anos consecutivos a contrata da limpeza do CHUF recae en empresas do grupo Ferrovial, que sempre é a compañía que mellor puntuación recibe na parte técnica, "a pesar dos continuados incumprimentos".
Dende o comité e dende a CIG-Servizos trasladan todo o apoio á traballadora que decidiu dar un paso adiante e denunciar nos xulgados a situación que se está a dar no servizo de limpeza. A este respecto, a central sindical advirte que non se vai consentir este tipo de comportamento por parte das empresas, e que se tomarán en cada momento as medidas oportunas para mudar esta situación.