Traballadoras/es de Eroski-Familia manifestaranse este domingo pola volta ao convenio provincial
A CIG ten convocada unha manifestación de traballadoras e traballadores de Eroski-Familia o vindeiro domingo, 21 de maio, para reclamar unhas condicións salariais e laborais dignas. A marcha sairá ás 12 horas do Obelisco e na mesma participará persoal da provincia da Coruña e de Pontevedra.
Dáse así continuidade ás mobilizacións que a CIG vén realizando dende hai meses para demandarlle á empresa que regrese ao convenio do comercio de alimentación, do que saíu no ano 2006 para pasar a aplicar un convenio propio de condicións inferiores negociado en Madrid.
As delegadas da CIG, Maricarme Campos e Alejandra Formoso, explicaron en rolda de prensa que os salarios en Eroski (que en Galiza opera como unha sociedade co grupo Vegalsa) son os máis baixos de todo o sector e ademais é a empresa que ten as peores condicións laborais.
Para cumprir coa lexislación laboral en vigor, a empresa colleu as táboas salariais do convenio estatal de grandes almacéns, cuxos salarios seguen sendo substancialmente inferiores aos que estabelecen os convenio do comercio de alimentación da Coruña e Pontevedra.
Pero a solución adoptada por Eroski-Familia supón condenar as traballadoras e traballadores a seguir sendo os peor pagados do sector, mais tamén á precariedade laboral, pois dende o ano 2006, o persoal perdeu dereitos a nivel de xornada e licencias con respecto ás compañeiras e compañeiras de Gadis ou Froiz.
Por iso, a CIG-Servizos fai un chamamento ao persoal do sector a participar nesta mobilización e reclamarlle a Vegalsa-Eroski que regrese ao convenio provincial "do que nunca debeu saír".