Traballadoras/es de AGACAL mobilízanse contra o recorte de dereitos para o persoal de campo e laboratorio
Traballadoras e traballadores de AGACAL (Axencia Galega da Calidade Alimentaria) concentráronse este mediodía diante das instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo en defensa dos seus dereitos retributivos e para rexeitar as decisións arbitrarias do Xerente da entidade, que asigna e retira pluses ao persoal de campo e laboratorio, mesmo cando os teñen recoñecidos por sentenza, segundo o seu caprichoso criterio.
A mobilización foi acordada na asemblea de persoal convocada pola CIG-Administración, despois da última xuntanza para reorganizar a atribución dos pluses de penosidade, perigosidade e toxicidade que teñen recoñecidos pola exposición permanente a estes riscos. Na reunión o xerente de AGACAL trasladou unha proposta "que basicamente consiste nunha redución xeneralizada dos complementos e por enriba modificar as funcións do persoal ao seu antollo".
Non obstante, o martes 25 de abril, "como se doutra revolución se tratara, Función Pública contestou á demanda da CIG, comunicando a retirada desa iniciativa do xerente, aínda que pospuxo o novo 'retoque' que se lle vai facer en breve á RPT" polo que haberá que comprobar que ocorre finalmente cos pluses do persoal.
Análise parcial e sesgada
As delegadas e delegados neste organismo autónomo (que depende da Consellaría de Medio Rural) denuncian que os argumentos utilizados responden a unha análise de funcións e categorías e de riscos por categoría, función e centro "inventada polo xerente, sobre unha base xurídica sesgada e parcial que nin sequera concretou e unha suposta consulta co servizo de prevención da que tampouco informou".
Para a representación da CIG o único obxectivo desta proposta é deixar os postos dos grupos III, IV e V cada vez máis pobres e desprovistos de funcións para que "vaiamos marchando e así poder seguir amortizando (e privatizando) as nosas prazas e crealas onde lles interesa". A este respecto, hai que lembrar que o CIAM leva anos sendo obxecto da política de desmantelamento e recortes de persoal e orzamento do Goberno da Xunta do PP.
As traballadoras e traballadores manifestan non só o desacordo co paquete de medidas do AGACAL, senón tamén a indignación e a desprotección diante da falta absoluta de consideración e respecto ao seu traballo. "Levamos anos sufrindo recortes de persoal, non se cobren as vacantes nin as baixas, tampouco as xubilacións. As cargas de taballo van en aumento no lombo do persoal co conseguinte aumento da inseguridade laboral, e en agradecemento ao noso esforzo vulneran o noso dereito e os salarios tamén, perdendo poder adquisitivo. Iso si, amortizan con total descaro para xerar postos de alto cargo, postos a dedo", apuntan.
En resposta a este ataque, os traballadores e as traballadoras acordaron realizar esta primeira mobilización e advirten que aínda que se pospoñen eses 'retoques futuros' na RTP non se descantan novas mobilizacións, ao non quedar clara cal será a contra proposta que trasladarán dende Función Pública. Neste senso, advirten que "imos pelexar porque se nos recoñeza un lexítimo dereito e non unhas esmolas".
Por todo isto, dende a CIG-Administración exixiuse ao conselleiro de Medio Rural o cese inmediato da equipa xestora do AGACAL e a retirada total do documento que limita os dereitos laborais dos e das traballadoras/es deste organismo.