Traballadoras/es das tendas de Inditex mobilízanse contra o recorte de dereitos
Traballadoras e traballadores de Inditex concentráronse na mañá deste sábado diante do Zara da Rúa Compostela (A Coruña) para denunciar os recortes de dereitos que está a sufrir o persoal de todas as tendas do grupo. A mobilización enmárcase na campaña de protestas que veñen desenvolvendo en demanda de inmediatas solucións.
Denuncian que, coa escusa da emerxencia sanitaria, Inditex aplicou unha modificación dos horarios e impuxo quendas estancas nas que sempre teñen que coincidir as mesmas persoas, que deben traballar 3 días de mañá e 3 de tarde, unha semana de mañá ou unha de tarde ou en quendas fixas de mañá ou de tarde. Carmiña Naveiro, representante da CIG-Servizos e presidenta do comité de Zara, explica que a empresa impuxo este tipo de quendas como "unha medida preventiva", cando en realidade estes horarios permítenlle á multinacional un grande aforro na contratación temporal.
Pero ademais, estas modificacións impiden a dereito á conciliación, supuxeron perder os sábados e días libres, e que moitas traballadoras con redución de xornada por coidado de crianzas se viran na obriga de reducir aínda máis as súas xornadas laborais, coa conseguinte perda de salario. Xunto a isto, Naveiro denuncia que o grupo aproveitou para eliminar o "exceso de xornada" pautado nas tendas, o que se traduce na perda de aproximadamente 300€, ou tempo de libranza, para cada traballadora.
"O que pretende Inditex é rebentar todos os acordos e volver aos anos 90 cando non habíaa ningunha mellora para o persoal das tendas nin se cumpría sequera o convenio", advirte.
A representante da CIG indica que ese suposto obxectivo de prevención das quenda estanco cae polo seu propio peso noutros casos nos que non se respecta o teórico grupo burbulla. Neste sentido conta que o pasado día 1 de febreiro se iniciaron unhas obras na tenda diante da que hoxe se concentraron e a "a empresa meteu un equipo de operarios que non coincidiu cunha das quendas, senón con dúas, incrementándose así o risco de posíbeis contaxios”.
Xunto a isto critica que "ese suposto exceso de celo preventivo” non se dá tampouco "cando realmente se rexistran casos positivos nas tendas. Daquela agochan os contactos estreitos e néganse a facer PCR a todo o persoal da mesma quenda”.
O peche de tendas, outra escusa para recortar dereitos
Aos prexuízos das quendas estanco e os cambios de horarios, hai que engadirlle o recorte de dereitos que Inditex quere impor aproveitando o proceso de peche de tendas, sen ofrecer garantías de mantemento dos empregos e das condicións para o persoal afectado.
"Seguimos demandando que a recolocación do persoal se faga nas mesmas condicións de ingresos, xornada, horarios e categoría e co mínimo traslado posíbel”, asegura. Neste senso, reclama da multinacional que sente negociar un acordo porque "non pode pretender facer o cambio de modelo de negocio a conta dos dereitos das traballadoras das tendas e de precarizarnos".
Naveiro lembra que fronte estes recortes, en novembro Amancio Ortega embolsábase case 650 millóns de euros e Inditex repartía entre os seus accionistas 1.090 millóns de euros. “Estamos falando dun reparto millonario de cartos en plena pandemia, mentres se recortan dereitos salariais, laborais e sociais ao persoal que fai posíbeis eses inxentes beneficios”.