Traballadoras/es das auxiliares de Endesa mobilízanse en demanda da creación da Mesa Auxiliar
O pasado mes de xuño reuníase a mesa de transición xusta para As Pontes, coa participación do comité de crise, a Xunta e Endesa. Unha mesa que ten competencias no control e seguimento das probas con biocombustíbel; na planificación do deseño industrial futuro das Pontes e sobre o emprego do persoal das auxiliares e do colectivo de transportistas. Porén, as traballadoras e traballadores das auxiliares veñen, desde aquela, demandando a creación dunha submesa específica da industria auxiliar, ao igual que a que hai para os trasportistas.
Por iso volveron a mobilizarse hoxe ás portas do concello de As Pontes, onde ademais deron unha rolda de prensa na que os sindicatos demandaron conxuntamente toda a documentación relativa á súa problemática; denunciaron que xa demandaron unha xuntanza co Ministerio para a creación da Mesa, sen obter resposta algunha, e solicitaron unha xuntanza con Endesa para analizar os datos relativos ás auxiliares, incluído o porto de Ferrol.
Denunciaron ademais que o pasado mes de abril asinouse en Madrid un protocolo no que Endesa presentou un documento no que figuraban 169 traballadores/as que posteriormente cambiou a 107 na Mesa das Pontes e que a dirección de Endesa As Pontes cifrara xa antes desa Mesa a 160, sen incluír o porto exterior de Ferrol, polo que demandaron tamén explicacións respecto desas variacións.
Ademais, o representante da CIG, Alberte Amado, lembrou que aínda que Endesa manifesta que está facendo as probas “seguen a tramitar todo o procedemento de peche da central térmica”.
Neste sentido advertiu que hai dous grupos aos que lles quedan 1.500 horas de funcionamento. “A partir de aí terían que pechar, sería a metade da central”, advertiu.
Por iso afirmou que “ante isto, temos que exixir que a Xunta de Galiza, dentro das súas competencias, vele pola garantía e polo futuro do pobo, sobre todo que inicien os trámites para poder ter chan industrial que poida acoller proxectos que dean alternativas de emprego e de futuro á localidade”.
Subliñou que esta é unha demanda que urxe, ante as novas noticias da posibilidade de peche case total da metade da central, “gañando tempo para poder encetar os proxectos que xeren emprego a curto prazo. Estamos vendo como compañeiros doutras centrais do estado español, a alternativa que teñen ante o peche é o paro. Están despedidos á espera de posíbeis proxectos”.
Pediu ás compañeiras e compañeiros das Pontes e do porto de Ferrol que tramiten as solicitudes aínda que manifestou a súa desconfianza con que isto sexa unha solución porque aínda que os das outras centrais do Estado están anotados nunha lista “non teñen emprego nin garantías de ningún tipo”.
Ante isto, Amado entendeu que non se pode consentir que se chegue a esa situación nas Pontes e animou aos compañeiros e compañeiras a seguir a batallar. “Temos un ano de loita. Conseguimos cousas pero queremos garantías de emprego para a totalidade do cadro de persoal, para que se empecen a concretar as solucións, datos.. Agardemos que as probas se fagan en setembro, despois dos retrasos que está habendo, e que esas probas estean xestionadas e valoradas polo comité técnico para ver, a partir de aí, que viabilidade teñen ou non”.