Traballadoras/es da planta de Lousame maniféstanse en Noia polo mantemento dos postos de traballo
Traballadoras e traballadores da planta de tratamento e reciclaxe de lixo de Lousame manifestáronse este domingo polas rúas de Noia para rexeitar a pretensión da mancomunidade de prorrogar o contrato con FCC sen introducir mellora algunha, o que pon en grave risco a continuidade do modelo da planta e contra a supresión da quenda de noite, que terá como consecuencia a perda de numerosos postos de traballo. O comité está convocado a unha xuntanza coa mancomunidade e a empresa o vindeiro día 7 de xullo pero anuncia que de se manter a mesma posición reunirá ao persoal en asemblea para ir á folga.
Malia ser a que ofrece mellores resultados en canto a porcentaxes de recuperación a planta de Lousame arrastra desde hai anos un grave problema de xestión que ten provocado numerosas mobilizacións e mesmo convocatorias de folga por parte do seu cadro de persoal. O comité subliña, entre outras cuestións que tiña que se ter renovado a flota de camións hai anos e a revoltadora para mellorar a realización do compost e tiña que se ter previsto a ampliación do vertedoiro no que se acumula o rexeitado, “pero nada disto se fixo”.
O comité solicitou en reiteradas ocasións a colaboración tanto da Xunta de Galiza -con escaso éxito porque aposta por Sogama- como da Deputación da Coruña. Neste caso, a principios deste ano mantiveron unha xuntanza co seu presidente, Valentín Formoso, que ademais de compartir as demandas do comité, mesmo se comprometeu a promover o nomeamento dun/ha Xerente; facer un estudo de viabilidade para introducir todas as melloras necesarias e elaborar uns novos pregos de condicións que a adaptaran á nova normativa da UE.
Ademais o comité reuniuse co presidente da Mancomunidade –cargo de carácter rotatorio entre os alcaldes dos concellos que a conforman- ao que trasladaron os acordos aos que chegaran co Presidente da Deputación. Unha xuntanza na que se lles asegurou que a mancomunidade estaba traballando nesa mesma liña.
Prórroga do contrato
Porén o comité soubo, por vías non oficiais, que a Mancomunidade tiña previsto prorrogar o contrato sen facer mellora algunha o que confirma os seus temores porque inclúe a supresión da quenda de noite, co que haberá recortes e perda de postos de traballo.
Na Planta de Lousame traballan 140 persoas. O 100% das que desenvolven a súa actividade en triaxe son só mulleres, que serían as afectadas pola supresión desta quenda. No aire está tamén a pretensión da empresa de suprimir a parte do persoal de recollida. Máis de 30 postos de traballo en total.
Por iso o comité da Planta de Lousame seguirá mobilizándose e mesmo convocando folga para defender até o último posto de traballo e o modelo de xestión do lixo. Ademais de loitar contra a represión sindical da que están sendo obxecto membros do comité e o propio persoal da planta na que mesmo instalaron cámaras “co obxectivo de atemorizar ao persoal, pensando que desa forma vai evitar que os traballadores defendan os seus postos de traballo, as súas condicións laborais e o modelo de xestión”.