Traballadoras/es da limpeza do Abente y Lago reclaman ante a Xerencia a readmisión do persoal despedido
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Hospital Abente y Lago da Coruña continuaron este xoves coas mobilizacións en demanda da readmisión das cinco compañeiras e compañeiros aos que a nova adxudicataria, Lacera, despediu, malia ter dereito á subrogación.
Desta volta, a protesta trasladouse até a Xerencia do CHUAC para reclamarlle a súa implicación e que obrigue a concesionaria a cumprir tanto co estabelecido no convenio colectivo como nos pregos de condicións. O secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez, acusa ao SERGAS de desentenderse deste persoal e da situación precaria na que se está a realizar a limpeza no Hospital Abente y Lago.
"Resulta lamentábel que unha administración pública que xestiona os cartos de todos e de todas non se interese por saber que está pasando neste servizo, no que hai cinco traballadoras e traballadores menos, cuxos postos estaban contemplados nas plicas dos pregos de condicións", subliña Pérez.
Neste senso, advirte que o cadro de persoal da limpeza no Abente y Lago xa estaba moi axustado, polo que agora con cinco persoas menos a sobrecarga de traballo que xa existía, volveuse insoportábel, obrigando as traballadoras/as a andar a correr para poder atender o servizo.
A empresa, pola súa banda, segue totalmente desaparecida, sen responder ás solicitudes das delegadas, nin explicar os motivos da súa decisión. "Estas cinco compañeiras e compañeiros están na lista de subrogación e teñen a antigüidade suficiente para que se lle aplique este dereito. Estes despedimentos non teñen xustificación e xa foron denunciados na vía xudicial", apunta Pérez.
Lacera entrou no servizo o pasado 1 de febreiro e a seguir procedeu a despedir a cinco traballadoras/es. Con esta actuación, a CIG-Servizos entende que a empresa quere aforrar cartos en salarios e ao tempo dar unha lección ao resto de persoal para que desistan no futuro de facer calquera reclamación dos seus dereitos. "O que non ten xeito é que o SERGAS consinta neste proceder e non se preocupe porque unha das súas concesionarias incumpra manifestamente co número de traballadoras/es estabelecido nas plicas", recalca Pérez.
Por iso, a CIG-Servizos avanza que, de non haber solución e non procederse á reincorporación deste persoal, as protestas intensificaranse nas próximas semanas.