Persoal de cociña dos hospitais vigueses traslada ao Meixoeiro as protestas pola posibilidade de despidos
Traballadoras/es da cociña dos hospitais da área sanitaria de Vigo trasladaron hoxe ao Meixoeiro as protestas convocadas ante a posibilidade de que se produzan despedimentos e para reclamar o cumprimento do convenio no que ten que ver co abono dos complementos. A concesionaria do servizo, Arcasa, convocou unha xuntanza este xoves, pero dende o comité non descartan convocar folga no caso de que non se garantan todos os empregos.
A mobilización desta mañá, na que volveu participar de xeito solidario persoal dos servizos de mantemento e limpeza, desenvolveuse de 10:30 a 12:30 horas diante da entrada principal do centro médico, onde se correaron consignas como “O convenio está para cumprirse”, “Queremos cobrar o noso plus”, “Arcasa culpable, Sergas responsable”, “Menos recortes e máis persoal” e "Sergas solución á nosa situación".
Segundo explican dende a CIG-Servizos, a propia concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) “deixou caer” que serían necesarias entre 10 e 14 rescisión de contrato para que o servizo de cociña (que abastece o propio Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña) fose rendíbel, polo que o persoal teme que estes despedimentos se produzan co cambio de empresa unha vez saia a concurso o servizo.
Posibilidade de folga
Con estas protestas promovidas polo comité de empresa (7 delegadas/os da CIG e 2 da UGT) tamén se quere reclamar o pago dos 100 euros do plus de absentismo que a actual concesionaria da cociña lle adebeda ás máis dun cento de traballadoras/es, incumprindo así o convenio colectivo.
Tras a mobilización desenvolvida o pasado 13 de abril tanto no exterior como no interior do hospital Álvaro Cunqueiro Arcasa convocou a representación sindical a unha xuntanza, que terá lugar este xoves día 20 ás 17:00 horas. O comité xa adiantou que celebrará unha asemblea de traballadoras/es para abordar o contido da reunión, na que mesmo podería propoñer unha convocatoria de folga no caso de que a empresa non garanta a continuidade de todos os empregos.