Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza de Correos bloquean as saídas do CTA de Lavacolla
Traballadores e traballadoras do servizos de limpeza de Correos, en folga desde hai meses, bloquearon máis unha vez o pasado martes as saídas das furgonetas do Centro de Tratamento Automatizado (CTA) onde se clasifica a correspondencia e os envíos de paquetería con destino a toda a Galiza, en demanda dunha urxente solución á súa situación.
O persoal da concesionaria do servizo de limpeza, Jcórdoba, xa se vén mobilizando en toda Galiza desde hai meses para denunciar primeiro os continuos atrasos, que desde hai uns meses xa son impagos, dos salarios.
O representante da CIG-Servizos, Xavier Torea responsabiliza a Correos desta situación, primeiro por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa e despois por non atallar coa rescisión do contrato, a situación provocada pola actitude da empresa
Torea lembra que os problemas comezaron xa no momento da propia licitación, á que só concorreu esta empresa debido á deficitaria oferta económica do contrato. Un concurso ao que nin sequera se presentou Sacyr, a empresa que xestionaba o servizo até ese momento.
Denuncia que a gañadora do concurso, SCT (Jcórdoba) para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios e que agora as consecuencias páganas as traballadoras. O pasado 1 de xuño a empresa comunicou a súa intención de non abonar os salarios alegando que o contrato non cubre os custos e agora mesmo adebeda as nóminas de xullo e agosto.
A situación afecta a aproximadamente 360 traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias e repítese en todos os lotes do servizo de limpeza de Correos que a empresa ten adxudicados no Estado.
Os impagos, desde hai meses, están a provocar unha situación desesperada no persoal, que acordou ir á folga para presionar á propia Correos e se resolva o conflito.
Responsabilidade de Correos
O propio persoal de Correos responsabiliza á entidade do que está a acontecer co servizo de limpeza e a CIG ten presentado denuncias perante a Inpsección por mor das condicións de traballo insalubres nas que teñen que desenvolver o seu traballo.