Traballadoras e traballadores do Concello de Cambre mobilízanse en demanda de melloras laborais e máis persoal

Concentráronse diante da Casa do Concello coincidindo coa celebración do pleno municipal
Cambre - 27 Feb 2025

Traballadoras e traballadores do Concello de Cambre concentráronse este xoves na Casa Consistorial, coincidindo coa celebración do pleno municipal, para manifestar “noso profundo descontento coa situación que estamos a vivir”. A representación da CIG no Concello subliña que as empregadas e empregados levan tempo denunciando as condicións precarias que padecen e a falta de persoal polo que exixen solucións urxentes.

Advirten que, “tras anos de negociacións infrutuosas co actual Goberno municipal para tratar de mellorar as condición laborais”, estas condicións, lonxe de mellorar, “seguen a empeorar co paso do tempo, sen que se teña atendido até o día de hoxe ningunha das nosas reivindicacións”.

Entre outras cuestións as traballadoras e traballadores denuncian:

  • Escaseza extrema de persoal municipal que impide a xestión e sacar adiante o traballo diario.
  • Fuxida de persoal empregado público cara a outras administracións "nas que podan exercer todos o seu dereito á mellora laboral e á carreira profesional".
  • Non cobertura durante longos períodos de tempo das vacantes derivadas das incapacidades temporais e das xubilacións, co incremento de traballo que isto supón entre o resto de persoal.
  • Incremento das incapacidades temporais do persoal municipal por cuestións psicosociais derivadas desta contorna laboral “que se volve moi complicada de soportar”.
  • Paralización dunha nova valoración de postos de traballo (a actual é do ano 1999) máis xusta e actualizada ás cargas de traballo actuais.
  • Obstaculización do exercicio do dereito da carreira profesional de todas e todos os empregados públicos a través da implantación dun sistema de recoñecemento da carreira profesional para as persoas traballadoras do Concello de Cambre.
  • Graves incumprimentos en materia de saúde laboral (como por exemplo que o persoal municipal leva dous anos sen realizar a vixilancia da saúde obrigatoria por lei).

Por todos estes motivos, o persoal acordou realizar esta primeira concentración porque “queremos que se nos escoite, que o Goberno, a oposición e os veciños e veciñas entendan que o que nós queremos é que o Concello funcione e que se mellore a nosa situación, porque iso fará que a veciñanza de Cambre poida recibir a atención e os servizos que merece" E para isto, conclúen, "necesitamos solucións xa!”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.