Traballadoras e traballadores do aeroporto denuncian cun “picnic” na terminal de saídas o peche da cantina
Traballadoras e traballadores das diferentes empresas que operan no aeroporto de Santiago, Rosalía de Castro, manifestáronse esta mañá desde a rotonda que dá acceso ás instalacións aeroportuarias até o propio aeroporto en demanda de que non se peche a cantina. Un servizo que consideran esencial –dada a precariedade que padece unha parte importante do persoal- para poder xantar, tomar un bocadillo ou un almorzo no seu tempo de traballo, a baixo custo e non a prezo de viaxeiro/a.
O persoal reteirou a denuncia pola actitude do director do aeroporto, Ricardo López, que pasado un mes, aínda non respondeu á petición de celebrar unha xuntanza conxunta. Xunto a isto denunciaron a resposta do director dos aeroportos do grupo 2 (no que se encadra o Rosalía de Castro), Julián Cámara, quen rexeitou reunirse con eles alegando que, en todo caso, só se reuniría con representantes sindicais de AENA.
Este último, que remitiu a súa resposta por escrito, explicou que na licitación da cantina se dará unha maior puntuación ás empresas que fagan prezos especiais para as/os traballadoras/es aeroportuarios. Porén, o persoal considera que isto non resolve a situación xa que, nin se garanten os prezos que teñen actualmente, nin se descarta que o servizo de cantina quede sen licitar.
Segundo informaron, até o de agora a concesión da cantina de persoal ía ligada á concesión dos restaurantes de viaxeiros/as. Porén agora preténdese sacar o concurso da cantina por separado, co risco de que a concesión quede deserta, como ocorreu en aeroportos como o de Tenerife Sur ou Sevilla, entre outros.
Isto obrigaría ao persoal a pagar por un menú os 16€, de media, que cobran nas cafeterías de viaxeiros ou a pagar por un café 2,20€, incrementándose así en máis do dobre o custo que actualmente teñen os produtos que consumen na cantina de persoal.
Precariedade laboral
Para as traballadoras e traballadores do aeroporto, que son vítimas dunha xa alarmante precariedade laboral, con salarios que na súa maioría nin chegan aos 1.000 euros, sería especialmente gravoso. Máis tendo en conta que non poden saír do aeroporto para ir tomar un café, comer un bocadillo ou un menú en horario laboral, porque sería considerado abandono do posto de traballo e que teñen que agardar no seu posto cando se producen atrasos nos voos.
Isto sumaríase, para unha parte importante do persoal, ao pago do aparcamento, polo que xa moitos teñen que abonar máis de 30€ ao mes, porque non teñen outro lugar onde deixar os seus vehículos.
O persoal vén mobilizándose en defensa do servizo de cantina, que leva 64 anos funcionando ininterrompidamente, desde hai semanas, e xa conseguiron o apoio dos grupos parlamentarios, que presentaron unha Proposición non de Lei conxunta e do concello de Santiago, que aprobou unha Declaración Institucional no mesmo sentido.