Traballadoras e traballadores de IKF concéntranse nos xulgados de Vigo contra a dobre escala salarial
A CIG realizou unha concentración este mércores diante dos xulgados de Vigo, coincidindo coa celebración do xuízo contra a empresa Imerys Kiln Furniture (IKF) pola dobre escala salarial que aplica na factoría que ten na Guarda e que afecta ao persoal de nova incorporación.
IKF dedícase á fabricación de materiais refractarios e despois de anos de loita contra a dobre escala salarial e ante a imposibilidade de chegar a un acordo no plan de igualdade para rematar con esta discriminación, a CIG presentou unha demanda contra a empresa pola aplicación deste sistema retributivo que xera grandes discriminacións e desigualdades entre o cadro de persoal.
Esta fenda salarial supón que haxa persoal na empresa facendo exactamente o mesmo traballo pero cobrando até un 30% menos. A secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, advirte que na negociación do plan de igualdade iniciado en 2022, na fase de diagnóstico "queda claro que o sistema salarial que a empresa aplica non garante o principio de igualdade e incumpre o a obriga de igual salario por traballo de igual valor que estabelece o artigo 28 do Estatuto das persoas traballadoras".
Engade Mariño que a existencia desta dobre escala, que afecta ao persoal de nova incorporación, ten un marcado impacto nas contratacións de mulleres xa que, "tendo en conta que estamos ante unha empresa moi masculinizada, terían prioridade para a incorporación, aplicando o principio de discriminación positiva. É por iso que denunciamos que a empresa continúe co seu empeño de manter esta discriminación indirecta por razón de sexo".
Dende o comezo da negociación do plan de igualdade "na CIG tivemos claro que non asinaríamos o plan se o mesmo non é unha ferramenta que garanta a non discriminación das mulleres. É este o motivo polo que non podemos seguir mirando para outro lado e manter un sistema claramente desigual, discriminatorio e inxusto".
A empresa pretende manter "esta aberración"
Estas enormes diferenzas retributivas, explica Mariño, xorden a raíz do pacto asinado no ano 2017 entre a empresa e o comité (daquela a CIG non tiña representación en IKF) polo que se acordou que o persoal que se incorporara dende o 1 de xaneiro de 2018 cobraría polas táboas salariais do convenio colectivo de referencia (o estatal de industrias extractivas, industrias do vidro, industrias cerámicas e para o comercio dos mesmos materiais). Os traballadores e as traballadoras con contrato anterior a esa data seguirían co sistema de remuneración previo en base a un acordo de melloras salariais acadado en 2014.
A duración deste pacto de minoración salarial marcouse até o ano 2020, pero nese exercicio, tras a empresa verse na obriga de sentar a negociar un novo acordo pola presión da CIG -xa con maioría no comité-, comprobouse que "lonxe de querer solucionar ou abordar esta inxustiza, existe unha vontade clara e inamovíbel de manter esta aberración".
A falta de diálogo de IKF levou o persoal da fábrica a iniciar un duro conflito e a manter unha folga durante 76 xornadas para reclamar un novo pacto laboral que rematase coa discriminación retributiva que padece o persoal de nova incorporación.
Exemplo da desigualdade
Mariño lembra que a CIG leva anos traballando activamente, por medio da acción sindical, para visbilizar e erradicar as discriminación. No ano 2023 a secretaría das Mulleres puxo en marcha unha campaña para identificar, denunciar e reclamar medidas reais contra as discriminacións retributivas baixo o lema “Imos rematar coa fenda salarial”.
"O que está acontecendo en IKF non é máis que un exemplo concreto destas inxustizas que vimos denunciando e nas que temos que por o foco. É por isto que, dentro deste firme compromiso, promovemos esta demanda e convocamos esta concentración en apoio á loita do comité e ao traballo activo para a eliminación de calquera tipo de discriminación", conclúe.