Traballadoras e traballadores de Abante BPO Lugo mobilízanse en demanda do cobro dos salarios
Traballadoras e traballadores de Abante BPO Lugo concentráronse esta tarde para esixir o cobro dos seus salarios e denunciar a deriva da empresa a causa da neglixente xestión. A CIG entende que estamos na fase final dun proceso de descapitalización desta compañía que comezou na primavera do ano 2021 cando a empresa se desfixo das dúas campañas máis importantes que tiña, a de France Telecom (Orange e Jazztel) e a de Ionos 1&1, "condenado a empresa a unha situación de decadencia que ademais se potenciou e agudizou a través dunha xestión neglixente e fraudulenta destinada de forma interesada a conducila cara a unha situación insostible".
Abante BPO foi durante lustros foi referente do sector dos centros de chamadas en Lugo, primeiro como Sykes e despois como Abante, pero neste intre atópase nunha situación de ruinosa xestión até chegar ao impago da extra de decembro e da nómina de febreiro, malia as promesas do actual propietario garantindo o pago dos salarios.
A CIG adverte que esta falta de abono dos soldos está provocando serios problemas económicos ás traballadoras e traballadores, e xerando ademais cadros de ansiedade, nerviosismo e inseguridade, que repercute nun clima laboral absolutamente negativo.
Denuncia ademais "a neglixente xestión da empresa", xa que non hai ningunha persoa que serva de interlocutora válida para dar explicacións sobre a situación da compañía e que plans hai para este centro, deixando o persoal nunha situación de total indefensión e precariedade.
Descapitalización da empresa
Ao deterioro da empresa que se manifesta claramente no impago de salarios hai "que sumar outras decisións de extrema gravidade como é a recente perda dunha campaña da Comunidade Autónoma de Madrid, á que tras o vencemento do contrato, a empresa non se presentou ao novo concurso polo que venceu o pasado 28 de febreiro, e os traballadores/as asignados a esta atópanse sen funcións que desenvolver e sen que a empresa lles dea ningunha resposta sobre o seu futuro, como tampouco informa o comité.
Diante disto, a CIG continuará a demandar da empresa que cumpra coas súas obrigas, tanto a través da vía mobilizadora como na vía legal para reclamar os dereitos dos/as traballadores/as.