Traballadoras do SAF reiteran que a suba salarial do 6,5% é irrenunciábel

A CIG continuou en Arteixo a campaña pola dignificación das condicións laborais do sector e unha atención de calidade
Arteixo - 28 Xul 2022

A CIG-Servizos concentrouse este xoves diante do Concello de Arteixo en demanda dunhas condicións laborais dignas nos servizos de axuda no fogar e por un convenio colectivo que dignifique estes traballos de coidados. A protesta, que se realizou coincidindo co pleno municipal no que se debateu unha moción sobre a situación do SAF, enmárcase na campaña que a central sindical leva meses desenvolvendo para exixir das empresas do sector  que cumpran o convenio e apliquen de inmediato a suba salarial do 6,5%, que corresponden ao IPC de 2021.

No marco desta campaña, a CIG-Servizos estase dirixindo tamén ás administracións responsábeis do SAF (Concellos e Xunta de Galiza) a través de mocións, preguntas, escritos e mobilizacións para que velen polo cumprimento dos pregos de condicións, insten as empresas a aplicar a suba salarial conforme o estabelecido no convenio colectivo e se aumente o prezo deste servizo básico, de maneira que este incremento reverta nunha mellora das condicións laborais e retributivas das traballadoras e nunha mellora da atención que se presta ás persoas usuarias.

Neste senso, na concentración deste xoves tamén se quixo denunciar o deterioro asistencial que están a sufrir as persoas usuarias do SAF de Arteixo tras a adxudicación dos novos contratos e que afectan mesmo á cantidade e á calidade da comida que se entrega ás usuarias e usuarias.

Este é un exemplo máis das nefastas consecuencias das políticas de privatización dos servizos públicos e da concepción mercantilista dos traballos de coidados. Fronte a isto, a CIG promoveu unha ILP no Parlamento (que o PP votou en contra) para instar a creación dun sistema público galego de atención ás persoas que integre todos os servizos (residencias, SAF, centros de día, Casas Niño etc.), dotado cos recursos económicos, co persoal e cos medios necesarios para garantir unha atención de calidade e unhas condicións laborais dignas para as e os profesionais.