Traballadoras do SAF exixen condicións laborais dignas e seguras un ano despois do asasinato da compañeira Teresa
A CIG mobilizouse para reclamar seguridade real no sector de coidados e rexeitar a negativa da Xunta a asinar o protocolo de prevención ante situacións de violencia e o documento de compromiso adxunto
Traballadoras dos servizos de axuda no fogar de todo o país manifestáronse este mércores polas rúas do Porriño para reclamar condicións laborais dignas e seguras e rexeitar a negativa da Consellaría de Política Social a asinar o Protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral, xunto co documento de compromiso adxunto. A CIG convocou esta mobilización cando se cumpre un ano do asasinato da compañeira Teresa, traballadora do SAF do Porriño, mentres realizaba un servizo nun domicilio.
Este crime evidenciou con toda a súa crueza a inseguridade na que as traballadoras teñen que desenvolver a súa actividade e a precariedade dun modelo de coidados privatizado que antepón o lucro das empresas á propia calidade asistencial, aos dereitos laborais e á protección da saúde. “Hai un ano enchémonos de dor porque o asasinato de Teresa non foi un accidente, foi un suceso que se sabía que podía ocorrer porque as traballadoras levaban moito tempo alertando de situacións límites de violencia”, aseveraba Ester Mariño, responsábel de Muller da CIG de Vigo, momentos antes da manifestación.
Mariño puxo en valor que as traballadoras do sector transformaron “esa dor e esa rabia” pola morte de Teresa nunha loita nas rúas e nas institucións, que derivou na elaboración e no asinamento do primeiro protocolo de actuación ante situacións de violencia no SAF e no documento de compromiso -exixido pola CIG-, que foi ratificado polas centrais sindicais, as patronais, a FEGAMP, o delegado do Goberno e o Colexio oficial de traballo social.
“Agora temos un protocolo que se asinou o pasado 14 de xullo, pero cunha importante eiva porque a Consellaría de Política Social non o asumiu, mentres que o ISSGA só asinou o protocolo. Parécenos unha hipocrisía absoluta por parte da conselleira Fabiola García e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que fan moita propaganda pero na realidade non queren defender a vida e seguridade das traballadoras do SAF”, denunciou Pedro Pérez, secretario de Organización da CIG-Servizos.
Advertiu que a negativa da administración autonómica -que ten a responsabilidade última no servizo de axuda no fogar- non é menor, senón que compromete o financiamento e os cambios normativos precisos para que este protocolo sexa unha realidade “e non quede en papel mollado”.
“O problema de base é a propia estrutura do servizo deseñado pola Xunta de Galiza, que pon en mans privadas a atención no fogar. Se o Goberno galego se pon de lado, resulta moi difícil que o sistema poida cambiar para que a seguridade das traballadoras se converta nunha prioridade”, incidiu Mariño.
Por iso, recalcou que, despois deste ano de loita, “doe moito que, a pesar de termos esta ferramenta, a situación real é que todas as traballadoras seguen entrando nos domicilios coa mesma falta de garantías que tiñan o ano pasado”. Non obstante, apuntou Mariño, o traballo e a mobilización incansábel das traballadoras do SAF levou a que “se comezara este camiño pola dignificación, aínda que quede moito por andar e a pesar do insulto que supón que a Xunta non ratificara o protocolo”.
Nesta liña, Pedro Pérez critico que a administración autonómica se escude en que se trata “dun problema laboral”, cando na realidade “estamos ante un problema social que precisa de recursos tanto para protexer as traballadoras como para garantir a atención adecuada ás persoas usuarias”.
Un convenio sen actualizar dende 2012
Pérez sinalou outra das patas na loita das traballadoras do SAF, o convenio colectivo, que está sen actualizar dende o ano 2012. “Temos un convenio galego que está en ultravixencia é que só actualiza os salarios conforme ao IPC, pero que precisa duns cambios nas condicións e de recoller a protección ás traballadoras cando hai que abandonar un domicilio por cuestións de seguridade”.
Lembrou que na actualidade, cando unha traballadora do SAF deixa de acudir a un fogar porque existe un risco para a súa seguridade isto “supón unha repercusión económica no seu salario ou unha minoración no seu contrato”. Mudar esta práctica “tense que conseguir a través do convenio colectivo e dende a CIG seguiremos a demandar a negociación inmediata do convenio, con dereitos e salarios dignos”.
Xunto a isto, Pérez pediulle á Xunta que, “dunha vez asuma este servizo como un servizo público esencial” e a creación dun sistema público galego de atención ás persoas que protexa tanto ás persoas traballadoras como ás usuarias e que garanta a calidade na atención prestada, e uns salarios e unhas condicións laborais dignas.
Fartas de promesas
Ao remate da manifestación, diante da Casa do Concello do Porriño, as traballadoras leron un manifesto no que deixaron claro que “estamos fartas de promesas que non se cumpren. Estamos fartas de palabras bonitas que despois non se converten en feitos. E estamos fartas de que a nosa seguridade quede sempre para despois”.
Exixiron que o protocolo asinado “se cumpra, e que a Xunta de Galiza se retracte e asuma a responsabilidade que lle corresponde coas mulleres que prestamos servizo no SAF”. Porque, salientaron, “non queremos outra compañeira con medo diante dunha porta. Non queremos outra denuncia ignorada. Non queremos que a continuidade dun servizo pese máis que a vida dunha traballadora e non queremos chegar tarde outra vez”.
A este respecto, salientaron que lembrar a Teresa “non é quedar quietas”, senón continuar a loita que comezou ao día seguinte do seu asasinato. “É transformar a dor en organización, a indignación en dereitos e a memoria en protección para todas”.
A mobilización rematou coa lectura dun escrito colectivo das traballadoras do SAF do Porriño e unha emotiva solta de globos en lembranza de Teresa.