Traballadoras do SAF de Valdoviño reclaman poder traballar en condicións seguras e sen sufrir violencia

Valdoviño - 28 Out 2024

Traballadoras do SAF de Valdoviño concentráronse este luns diante da Casa do Concello para reclamar que se protexa a súa saúde e que se adopten as medidas preventivas e de seguridade necesarias para evitar que se produzan agresións por parte das persoas usuarias ou as súas familias. Coa protesta, desenvolta baixo a consigna "SAF Valdoviño, seguridade e saúde no traballo", denunciouse a inacción da Consellaría de Política Social e Igualdade e o desleixo no seu labor inspector para garantir un traballo libre de violencia.

O secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, explica que neste momento, no SAF de Valdoviño estase a vivir unha situación de extrema gravidade, posto que un familiar dun usuario vén agredindo verbal e fisicamente as traballadoras de xeito reiterado, chegando a intentar agredir fisicamente a unha auxiliar. Estes feitos xa foron denunciados en vía xudicial.

A pesar de existir informes da propia empresa e da traballadora social do Concello, nas que tamén constan estes graves feitos, a Xunta de Galiza "non toma medida algunha para solucionar esta situación". Cartelle critica a falta de actuación da Consellaría de Política Social, "impropia tanto dende o punto de vista da súa labor inspectora do cumprimento das obrigas das persoas usuarias, como dende un punto de vista de xénero e igualdade, permitindo que as mulleres sexan vítimas de prácticas que a administración non debera consentir no ámbito das súas competencias".

Por iso, a CIG-Servizos demanda a actuación inmediata da administración pública e o cumprimento das súas obrigas "de xeito que neste caso e similares se garanta a seguridade das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar".

A este respecto, apunta que nos casos de agresións e violencia machista na maioría dos casos a "solución" pasa por cambiar a traballadora que ten que realizar as tarefas no domicilio no que se está a producir o conflito. "Evidentemente isto non é unha solución xa que o único que se fai é traspasar o conflito dunha traballadora a outra".