Traballadoras do SAF de Teo, Narón e Vigo mobilízanse en demanda da suba do 6,5% dos salarios
Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Teo, do Concello de Vigo e do Concello de Narón concentráronse na tarde do mércores e na mañá deste xoves, respectivamente, para demandar das empresas concesionarias do SAF que cumpran o convenio colectivo e procedan á aplicación inmediata da suba salarial do 6,5%, que corresponde ao IPC real de 2021.
As tres protestas realizáronse coincidindo coa celebración dos plenos municipais nos que se votou unha moción da CIG instando as administracións responsábeis (Concellos e Xunta) a que demanden das empresas concesionarias (Fepas no caso de Teo e Narón e Servisar no de Vigo) o cumprimento do convenio colectivo e se garantan os dereitos laborais das traballadoras.
O pleno de Teo aprobou por unanimidade a moción, mentres que no de Narón a moción saíu adiante mais co voto en contra do grupo municipal do PP. Na sesión plenaria de Vigo, o documento foi aprobado, ainda que o PSOE votou en contra dun dos puntos da moción.
Ademais, mañá deste xoves, as traballadoras do SAF de Compostela (adxudicado tamén a Servisar) mobilizáronse polo mesmo motivo, mais nesta ocasión, coincidindo nunha manifestación conxunta co persoal doutras contratas municipais.
Campaña pola dignificación
Estas concentracións enmárcase na campaña que a CIG-Servizos ten en marcha pola dignificación das condicións laborais e salariais deste sector, que cumpre un papel esencial dentro da sociedade, pero que segue a ser un dos traballos máis precarizados e feminizados que existe.
Por iso, a CIG-Servizos está a promover, naqueles concellos que teñen externalizado a prestación do SAF e nos que a central sindical conta con representación, mocións e preguntas nos plenos para que se recoñeza o gran traballo e a función esencial que desempeñan as traballadoras de Axuda no Fogar e demandar unha mellora substancial das súas condicións laborais.
Incremento do prezo do servizo
No texto das mocións ínstase a Xunta de Galiza (como responsábel destes servizos públicos) a que incremente o prezo do servizo e que este incremento reverta en melloras para as familias e nas condicións laborais das traballadoras. De igual xeito, dos gobernos municipais demándase que supervisen os contratos do SAF e que reclamen das empresas concesionarias o cumprimento da legalidade laboral vixente, garantindo os dereitos do persoal.
As profesionais destes servizos levan anos denunciando os abusos das empresas concesionarias, que non cumpren sequera cos pregos de condicións, nomeadamente nas cuestións relativas á xornada, descansos ou ao pago pola quilometraxe, pois non hai que perder de vista que traballan en domicilios particulares aos que se desprazan nos seus propios vehículos.
A isto súmase que o convenio colectivo leva dez anos sen negociarse e que agora as empresas se negan a actualizar as percepcións económicas segundo o establecido no seu artigo 7.
O 6,5% é irrenunciábel
Cómpre lembrar que o convenio colectivo contén unha cláusula de revisión salarial do IPC real, polo que, malia estar sen actualizar no resto do articulado, as traballadoras puideron incrementar os seus cativos salarios ano a ano con esa referencia para non perder poder adquisitivo. Até este ano 2022, cando as empresas se negaron a asumir o abono do 6,5% correspondente ao IPC de 2021. .
De feito, aínda que en Galiza hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar para as que traballan unhas 8.000 persoas, o 95% mulleres, só unhas poucas compañías actualizaron os soldos ao IPC real. O resto ou non pagou ou está aboando a metade (un 3,1% ou 3,2%), un incremento irrisorio cando estamos falando de salarios cativos e tendo en conta o medre imparábel da carestía da vida.