Traballadoras do SAF da Pastoriza piden o rescate do servizo polos incumprimentos da empresa
As delegadas do persoal do Servizo de Axuda no Fogar da Pastoriza fixeron entrega na mañá deste mércores das sinaturas recollidas entre as traballadoras demandando ao Concello que rescinda o contrato coa actual empresa adxudicataria e recupere a xestión directa deste servizo básico.
Tras entregar as sinaturas no rexistro municipal, as traballadoras do SAF concentráronse diante da Casa do Concello para denunciar os reiterados incumprimentos laborais e salariais da empresa concesionaria, Servital Servicios Sociosanitarios, e urxiron o Goberno local a que actúe na defensa dos dereitos tanto do persoal como das e dos usuarios do servizo.
As delegadas da CIG denuncian que, de maneira reiterada, a empresa incumpre o establecido no convenio colectivo e modifícalle as condicións dos contratos de maneira unilateral, aumentándolle ou recortándolle a xornada sen informar previamente ás traballadoras afectadas nin ás súas representantes legais.
Esta arbitrariedade coa que actúa Servital supón serios prexuízos para as traballadoras que nunca saben con certeza canto van cobrar cada mes, canto tempo están contratadas, nin canto cotizan por elas ao mes. A isto súmanse os cálculos subxectivos que a empresa aplica para calcular o abono do plus de transporte, sen seguir uns criterios claros.
A CIG mantivo varias reunións coa empresa para reclamarlle que cese neste incumprimentos e que respecte os dereitos das traballadoras, pero Servital non achegou ningunha solución. O desleixo é tal que as traballadoras teñen presentado numerosas demandas na vía xudicial e na Inspección de Traballo, que xa ten emitido resolucións favorábeis ao persoal.
Ante estes reiterados incumprimentos dos pregos, as traballadoras reclámanlle ao Goberno municipal que rescate o servizo de axuda no fogar e que pase a ser de xestión directa, como mellor garantía do respecto aos dereitos das traballadoras e de que se presta o mellor servizo as usuarias e usuarios.