Traballadoras de Tempo Facility Services reclaman o cobro dos salarios
Traballadoras de Tempo Facility Services (empresa que ten adxudicado o servizo de limpeza dos museos provinciais, o Pazo de San Marcos e o Pavillón de Deportes de Lugo) concentráronse esta mañá diante do edificio da Deputación de Lugo para esixir o cobro dos salarios e que se respecten as súas condicións laborais.
Nestes momentos, as 30 traballadoras deste servizo de limpeza teñen pendente de cobrar o soldo de novembro e decembro e a parte proporcional da paga extraordinaria, deixándoas nunha situación económica complicada. Porén, dende Tempo Facility Services non ofrecen ningún tipo de información oficial sobre a situación económica ou cando se efectivizará o pago dos salarios "e o único que trasladou a delegada da compañía en Lugo é que a empresa vai entrar en concurso de acredores. Un dato que está sen confirmar", indica o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño.
Incumprimentos habituais
Os incumprimentos en materia laboral veñen sendo habituais dende que Tempo Facility Services se fixo co contrato do servizo en agosto pasado e a CIG xa tivo que presentar conflito colectivo (con dato de xuízo para finais de xaneiro) porque a empresa non respectou as melloras pactadas coas anteriores concesionarias, Eulen e Limpergal. Xunto a sito, explica Niño, a empresa aplica cambios de seguido nos cuadrantes e nos descansos, sen previo aviso nin negociación coa representación social.
Todo este conxunto de irregularidades xa foi posto en coñecemento da Deputación de Lugo nun escrito remitido polas organizacións sindicais, a través do que tamén demandan unha rápida actuación por parte da institución provincial, que inste a empresa a cumprir coas súas obrigas e que inicie o proceso para o rescate do contrato dados os reiterados incumprimentos das cláusulas dos pregos.
Porén, dende o ente provincial entenden que este regueiro de incumprimentos non é motivo para estudar a rescisión do contrato e anunciaron a formalización dunha "cesión de crédito" coa empresa para facer fronte ao pago dos salarios.