Traballadoras de residencias fan unha caravana reivindicativa na Coruña en demanda dun convenio digno

A Coruña - 12 Dec 2024

As traballadoras de residencias privadas continuaron este xoves na Coruña co calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno, fronte á proposta insuficiente da patronal e á parálise da negociación colectiva.

Nesta ocasión, a protesta consistiu nunha marcha de vehículos que saíu da residencia Padre Rubinos, pasou pola residencia Remanso das Roseiras, o edificio Amizar (onde están as dependencias da Consellaría de Política Social, administración responsábel do sector), o complexo administrativo da Xunta de Galiza en Monelos e rematou diante da residencia Concepción Arenal en Matogrande, de titularidade pública pero de xestión privada.

Con estas mobilizacións, as traballadoras denuncian a importante perda de poder adquisitivo (do 7,8%) dende a sinatura do anterior convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT, ao que hai que sumarlle o feito de que a suba do SMI neste período foi do 24,4%, provocando que as categorías máis baixas do convenio non cheguen ao SMI e gran parte delas estean só 10 euros por enriba en 2024.

Neste contexto a patronal fixo unha proposta de convenio que as persoas traballadoras consideran insuficiente, xa que lonxe de frear o empobrecemento dos soldos afonda máis nel e ademais non contempla melloras nos dereitos sociais.

A CIG-Servizos critica que isto esta a acontecer co “silencio cómplice” da Xunta, “á que se lle enche a boca falando do modelo de coidados e residencias mentres perpetúa un sistema de explotación das persoas traballadoras baixo o xugo de transnacionais e fondos de investimento que só miran o seu beneficio económico e aos que nada lles importa nin as persoas traballadoras nin as usuarias”. 

Para desbloquear a negociación colectiva ante a parálise patronal, e reclamar salarios xustos e unha mellora significativa das condicións laborais e sociais que permitan avanzar na equiparación coas condicións do persoal das residencias públicas de xestión directa, as asembleas de traballadoras convocadas pola CIG acordaron realizar un calendario de mobilizacións por todo o país, sen descartar a convocatoria de folga nos próximos meses.

A próxima concentración será o mércores 18 de decembro en Ourense.