Traballadoras de Eroski-Familia mobilízanse contra a sobrecarga laboral e por condicións salariais dignas
Traballadoras e traballadores de Vegalsa-Eroski concentráronse este venres diante do supermercado Familia da rúa República Arxentina de Santiago de Compostela para reclamar condicións dignas. Esta protesta forma parte da campaña de mobilizacións que a CIG-Servizos vai levar adiante nos próximos meses para denunciar a precariedade laboral, os baixos salarios e a sobrecarga insoportábel que ten que realizar o persoal pola política de cero substitucións da empresa.
A representación da CIG nos supermercados Eroski e Familia critica que pesar dos beneficios millonarios, a empresa non está cubrindo nin as baixas, nin as vacacións, nin as licencias e segue sen aumentar os cadros de persoal “obrigándonos a ter que realizar enormes sobre esforzos para poder sacar adiante a carga de traballo diaria”.
Advirten que esta continua sobrecarga está provocando problemas de saúde no persoal, tanto a nivel psicolóxico como físico, cun elevado número de baixas por problemas músculo-esqueléticos e acadando “niveis de absentismo históricos”. Pero mentres as traballadoras e traballadores enferman “a empresa mira para outro lado, sen querer aplicar medidas para fomentar postos de traballo saudábeis”.
Ademais da sobrecarga, con esta campaña de mobilizacións, as delegadas da CIG tamén queren denunciar a precariedade laboral e salarial que sofre o persoal de Vegalsa-Eroski. De aí que o lema escollido sexa ‘Traballo a rebentar, dereitos e salarios de pena’.
“Somos as traballadoras peor pagadas do sector do comercio de alimentación e soportamos unhas xornadas irregulares que complican moito a nosa conciliación familiar”, subliñan. A isto súmanse que a empresa lles fai devolver os 15 minutos de descanso durante a xornada diaria, que até hai uns anos si computaba como tempo efectivo de traballo.
Outra das problemáticas que poñen enriba da mesa refírese as elevadas taxas de parcialidade na contratación. “Cobramos un salario miserento e dispoñen de nós ao seu capricho, a empresa non respecta os horarios e non permite así que poidamos buscar outro traballado para chegar a fin de mes”.
Concentracións en Ferrol, Ribadeo e Ribadavia
Por todo isto, a representación da CIG en Vegalsa-Eroski nas catro provincias acordou iniciar un calendario de mobilizacións para reclamar condicións laborais e salariais dignas. Á protesta deste venres en Compostela seguiranlle concentracións o día 24 en Ferrol, o 13 de agosto en Ribadeo e o 29 de agosto en Ribadavia.