Traballadoras de DomusVi de Viveiro continúan coas protestas pola imposición dos calendarios laborais
As traballadoras e traballadores da residencia DomusVi de Viveiro continuaron este martes coas mobilizacións para esixir uns calendarios que respecten dos descansos e permitan a conciliación da vida laboral e familiar. Esta é a terceira protesta que o persoal realiza diante do centro contra a imposición duns calendarios irracionais que obriga a traballar durante oito días continuados e nalgúns casos durante 15 días seguidos cunha única xornada de descanso polo medio.
O persoal, explica Susana Riveira da CIG da Mariña, remitiu hoxe un escrito á dirección do centro de Viveiro (que se negou a asinar o acuse de recibo) e á dirección territorial de DomusVi, con sede na cidade de Vigo, para denunciar os incumprimentos laborais e que se negocien uns novos calendarios.
A principios de mes, a dirección da residencia comunicou uns calendarios distintos aos que se entendían que estaban acordados (e que foran prorrogados do ano pasado), dispondo a empresa a compensación dos festivos traballados sen ter en conta a opinión das persoas afectadas e prohibíndose incluso calquera cambio de quendas entre traballadoras, malia terse negociado coa empresa que se permitirían até seis cambios cada mes.
Cadros de persoal no mínimo que esixe á Xunta
A estes calendarios insoportábeis haille que sumar o sobreesforzo que teñen que realizar as traballadoras e os traballadores para atender axeitadamente os e as residentes, xa que os cadros de persoal están no mínimo que esixe á Xunta, en función dos/as usuarios/as con autonomía e dependentes. Neste senso, denuncian que a dirección denega a información das persoas cualificadas como dependentes ou con autonomía polo que, na práctica diaria, "as tarefas a realizar na atención ás persoas residentes é similar. E por exemplo, temos que duchalas ou estar pendentes mentres se duchan, con independencia de que sexan autónomas ou dependentes" .
Esta é unha medida apropiada para evitar posíbeis caídas, apuntan, pero implica engadir unha carga de traballo superior á que correspondería de aterse aos criterios establecidos pola Xunta "e aos que Domusvi se agarra aínda que na práctica trata como dependentes á maioría".
Sobre o axustado do cadro de persoal, advirten que na actualidade hai catro DUES, cando debería haber 6, e que nas fins de semana a quenda deste persoal queda cuberta por unha xerocultora ou auxiliar de enfermería, "aínda que os requisitos da Xunta non contemplan tal posibilidade. Pola súa banda, o persoal de limpeza ten que facer as tarefas que lle son propias, pero ademais encárgase de servir e recoller o almorzo, o xantar e a cea. "E na lavandería hai tal cantidade de traballo que en ocasións non é posíbel ter a roupa en condicións", alertan.
Con estas condicións laborais, recalcan que "se as persoas residentes están atendidas como é debido, non é polos medios que a empresa pon, se non polo sacrificio do persoal, que a dirección explota sen consideración algunha".
Nova concentración o día 14
Por iso, as traballadoras e traballadores xa adiantaron que, de non terse en consideracións as súas reivindicacións, continuarán coas protestas diante da residencia de Viveiro e non se descarta outro tipo de medidas de presión. De feito, para o día 14 de maio xa está convocada unha nova concentración.