Traballadoras das tendas de Inditex reclaman melloras salariais "fartas de non chegar a fin de mes"

A Coruña - 06 Nov 2022

Ao berro de "traballo en Inditex e non chego a fin de mes" unhas mil traballadoras das tendas que a multinacional téxtil na provincia da Coruña manifestáronse este domingo para exixir condicións salariais e laborais dignas. Na marcha, que saíu da Praza de Lugo e rematou na zona da dársena, as dependentas evidenciaron que xa están fartas de aturar uns salarios de miseria "que levan anos conxelados ou que mesmo foron a menos porque se reduciron as comisións".

"Somos as caras visíbeis de Inditex, pero os beneficios repártense con moita máis xenerosidade noutras empresas do grupo", denunciaron as traballadoras, pondo o acento no feito de que o colectivo de dependentas é o que menos cobra de todo o grupo. Como exemplo, subliñan que os salarios nos almacéns loxísticos chegan a duplicar as retribucións que percibe o persoal das tendas.

 "Na provincia na que está a sede da maior multinacional do téxtil e onde reside o seu principal accionista, que é o home máis rico do Estado español, as traballadoras das tendas temos serios problemas para chegar a fin de mes", incidiron. Unha precariedade que contrasta cos milmillonarios beneficios que os/as accionistas de Inditex se reparten cada ano e dos que Amancio Ortega recibirá un total de 1.718 millóns de euros en 2022, só en concepto de dividendos.

Salarios máis baixos e sen melloras sociais

Pero fóra do ámbito das estratosféricas retribucións que cobra a alta dirección e o persoal que traballa na sede de Inditex, chama a atención que aquelas empresas do grupo nas que se perciben os soldos máis elevados e nas que existen mellores condicións son aquelas que están máis masculinizadas. Para o colectivo de persoal das tendas, altamente feminizado, hai nesta discriminación unha clara compoñente de xénero e unha infravaloración do traballo realizado polas mulleres, que a empresa parece non estar disposta a corrixir.

Neste senso, as delegadas da CIG explican que aínda que Inditex se abriu a iniciar unha negociación na provincia da Coruña, as ofertas económicas que o grupo puxo enriba da mesa "resultan totalmente insuficientes", e por iso acordaron saír á rúa este domingo. "Non exiximos máis que ter un salario e unhas condicións dignas como xa hai noutras empresas do grupo", aseveraron.

Porque ademais de ter os soldos máis baixos, as traballadoras das tendas dispoñen de peores xornadas e horarios que lles dificultan enormemente a conciliación familiar e laboral. E en moitos casos, as traballadoras teñen que recorrer á vía xudicial para poder exercer este dereito. De igual maneira, tampouco gozan de melloras sociais que si teñen recoñecidos compañeiros e compañeiras do resto do grupo, tales como axudas para coidado de menores e familiares, axudas para a adquisición de libros ou o bono-comedor.

Pero Inditex négase rotundamente a concederlles ningún destes beneficios baixo a peregrina escusa de que tería que aplicarlle estas melloras a todo o persoal. "Para a multinacional, o beneficio está por enriba de calquera dereito. As traballadoras das tendas sempre somos as últimas", critican.

Dereito a negociar en Galiza

O estancamento e mesmo regresión nos dereitos do persoal das tendas non se pode separar da política de relacións laborais que Inditex iniciou hai un par de anos, tentando afastar a negociación colectiva dos centros de traballo para trasladala a Madrid, e así negociar comodamente coas cúpulas dos grandes sindicatos estatais. Esta situación prexudica enormemente as traballadoras galegas que viron como ía quedando obsoleto o acordo asinado en 2016, conseguido tras as mobilizacións impulsadas pola CIG. Este acordo -que se está tentando renovar e ao que a compañía se nega- recolle determinadas melloras en materia salarial e de contratación, que permitiron, por exemplo, rachar co abuso dos contratos parciais.

"As traballadoras queremos negociar as nosas condicións aquí", reclaman as delegadas da CIG, quen cualifican de "aberración" que a maior empresa de Galiza xogue a baza de afastar a negociación colectiva "porque lle resulta máis cómodo para evitar que nos organicemos e lle deamos unha resposta e por que as mobilizacións que se fan fóra de aquí non teñen o mesmo impacto social".

Por estas razóns, as traballadoras acordaron realizar esta manifestación para amosar a súa disposición a loitar por uns salarios dignos e para evitar que ano tras ano se sigan agrandando as diferenzas entre o que elas cobran e os soldos que perciben os compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo.

Intervencións das representantes das traballadoras

Ao remate da manifestación, representantes de cada unha das marcas leron comunicados para explicar como son as súas condicións laborais e cales son as súas reivindicacións. A seguir reproducimos cada unha das intervencións:

Grazas a todas por chegar hoxe até aquí.

En nome das miñas compañeiras e compañeiros de TEMPE quero transmitir a nosa firmeza e decisión para seguir loitando por un futuro mellor. Como traballadoras de Inditex merecemos ser tratadas igual que o resto de compoñentes desta gran compañía.

O que nos trae aquí non é o desapego á nosa empresa nin o ánimo de prexudicala. Somos as primeiras interesadas en que Inditex continúe medrando e producindo beneficios e riqueza.

Mais, como traballadoras responsables estamos obrigadas a reclamar con firmeza e de maneira incansable que non somos traballadoras de segunda, que os beneficios tamén deben de ser repartidos con nós con xustiza.

Temos dereito a que se nos trate igual que ao resto de traballadoras e traballadoras da provincia na que naceu e da que saen os máis grandes beneficios de Inditex. Temos dereito a non pasar apuros para chegar a fin de mes.

E NON PARAREMOS ATÉ QUE SE NOS RECOÑEZA ESE DEREITO.

Bos días:

En nome das miñas compañeiras de OYSHO reclamo tamén o noso dereito a un futuro estable e sen apuros económicos. Chegamos até aquí para que a cidade da Coruña e a sociedade galega comprobe que en Inditex non todas somos iguais. As condicións laborais das dependentas están a moita distancia do resto de traballadores e traballadoras da compañía. E non existe máis motivo que as decisións empresariais que reparten os beneficios de maneira desigual.

Ou quizá, tamén, (fagamos un pouco de autocrítica) que nós non soubemos reclamar de maneira firme e constante o noso dereito a unha compensación suficiente polo noso esforzo.

Pero iso xa se acabou. Se chegamos até aquí é para reclamar xustiza e recordarlle publicamente a Inditex que tamén existimos e que damos a cara todos os días. MERECÉMONOS MOITÍSIMO MÁIS DO QUE NOS PAGAN E NON PARAREMOS ATÉ CONSEGUILO.

Bos días:

En nome das nosas compañeiras e compañeiros de ZARA HOME chegamos até aquí coa ilusión de que se nos oia e se nos faga caso. Pode parecer que esteamos descontentas co noso traballo ou coa nosa empresa, pero non é así. Máis ben é ao contrario, o que queremos denunciar é o contrario: que parece que a empresa non valora nin está contenta co noso traballo.

Desde o respecto e con tranquilidade debemos dicilo: non se nos paga como corresponde ás nosas condicións e entrega diaria nin en consonancia cos beneficios que lle producimos á compañía.

Noutros ámbitos moi próximos, Inditex non dúbida en remunerar e negociar condicións moitísimo mellores cás nosas. Por que a nós nos ofrece cantidades e condicións moi inferiores?

Estou moi contenta de que chegaramos até aquí para demostrar que sabemos reclamar e loitar polos dereitos e salarios que nos merecemos.

Bos días:

En nome das miñas compañeiras de Bershka quero manifestar a miña alegría polo que hoxe esta aquí pasando. É un orgullo poder reivindicar publica e pacificamente as melloras que nos merecemos desde hai moito tempo.

Como xa dixeron outras compañeiras, claro que estamos contentas co noso traballo, claro que estamos contentas de pertencer a Inditex; co que non podemos estar contentas é co noso salario e co estancamento nas melloras do resto de condicións laborais.

Aínda que repita o que xa explicaron as miñas compañeiras, temos que insistir en que somos nós, as dependentas, as que damos a cara todos os días nas tendas ante a clientela. NÓS SOMOS A IMAXE DE INDITEX. Nós somos a súa publicidade e o seu prestixio.

E damos a cara nunhas horas moi incómodas, traballamos a quendas distintas, as fins de semana, durante a hora de comer, chegamos á casa ás 11 da noite...

Traballamos e vivimos ao lado da sede mundial da compañía. Coñecemos as condicións e salarios doutros compañeiros e compañeiras de distintos ámbitos da empresa. Por que a nós non se nos compensa debidamente? Por que Inditex non nos ofrece nas negociacións nin a metade do que ofrece a outros?

Estamos aquí para solucionar isto (e non para molestar, como dicían algúns). E estou convencida de que o imos conseguir. Grazas, compañeiras.

Bos días:

En nome das miñas compañeiras de Stradivarius quero manifestar a inmensa alegría que me produce o que hoxe está ocorrendo aquí. Como dixo Bea, non vimos molestar. Non necesitamos molestar. Só queremos que a opinión pública coruñesa e galega coñeza as nosas condicións e as dificultades que temos para chegar a fin de mes.

Non todo son luces e beneficios en Inditex. Polo menos para nós, as dependentas que damos a cara todos os días (desculpade a repetición, pero vós sabedes que é a verdade).

Levamos moitos anos pelexando e conseguindo melloras das que estamos moi orgullosas. Pero dun tempo a esta parte todo se parou e os nosos salarios conxeláronse e as nosas condicións cesaron de mellorar. E eu si quero denunciar aquí as estratexias de Inditex para aforrar cartos coas dependentas. Teño que desenmascarar os plans de determinados departamentos financeiros da empresa para as que só somos números, cifras que intentan reducir ao máximo.

Por iso queren afastar a negociación e levala a Madrid. Non podemos permitilo. Eles teñen a súa estratexia, nós debemos ter a nosa. Os compañeiros e compañeiras que gozan de mellores condicións conseguírono, claro está, negociando aquí e directamente cos traballadores. Hoxe estamos demostrando que queremos negociar aquí, sen intermediarios, as dependentas sentadas na mesa.

PORQUE NÓS TAMÉN SOMOS TRABALLADORAS DA SEDE CENTRAL. Basta xa de que todos os beneficios vaian todos para Sabón!

En realidade, o único que reclamamos é IGUALDADE. NON PODEMOS SEGUIR SENDO INVISIBLES. Grazas, compañeiras. VIVAN AS DEPENDENTAS DE INDITEX!

Bos días:

En nome das miñas compañeiras de Lefties non podo estar máis contenta e alegre polo que está pasando hoxe aquí.

O traballo é duro nas tendas, as esixencias psicolóxicas nalgúns casos son extremas e os nosos salarios son escasos. Non debemos cansarnos de dicilo.

O que a sociedade percibe sobre nós é falso. Pensa que como traballamos en Inditex somos unhas privilexiadas e temos un nivel de vida máis alto có resto do sector. Nada máis lonxe da realidade.

E hai que repetilo unha e outra vez. Somos as peor pagadas do Grupo, con moita diferenza. E esa desigualdade non se soluciona coas reducidas cantidades que nos ofrecen. Nunha mesa de negociación na que nin sequera deixan estar presentes ás dependentas.

Reclamamos salarios xustos e acordes co entorno no que nos desenvolvemos. E negociación en igualdade de condicións co resto de traballadores do Grupo na provincia da Coruña.

Xa está ben de ser as últimas

 

Bos días:

En nome das miñas compañeiras e compañeiros de Pull and Bear falo aquí para reclamar o que nos merecemos: xustiza e o mesmo respecto que estamos hoxe demostrando aquí.

Non vimos romper nada, vimos reivindicar como traballadoras esforzadas e responsables co noso futuro e o das nosas familias. Non nos cansaremos de repetilo: NON ESTAMOS BEN PAGADAS.

E o que nos ofrecen non é suficiente. Como dixeron as anteriores compañeiras, desenvolvemos o noso traballo diario en duras condicións, con horarios que imposibilitan a conciliación familiar e dificultan seriamente a vida social. Somos, sen dúbida, as que padecemos peores horarios de todo o Grupo e, posiblemente, as que máis esforzo teñamos que facer no noso labor diario. A carga psicolóxica e o estrés tamén son moi grandes. POR QUE COBRAMOS MENOS QUE O RESTO?

Non hai escusa. Temos que dar un salto nas nosas condicións xa. Se non quedarémonos atrás unha vez máis.

Grazas a todas por chegar hoxe aquí. Con este ánimo e valentía conseguirémolo.

Bos días, compañeiras e compañeiros:

Non podo estar máis contenta e alegre de xuntarnos todos e todas aquí a demostrarlle a Inditex que sabemos pelexar polos nosos dereitos.

Pertencemos a unha compañía que crea unha gran riqueza en todo o mundo, pero especialmente aquí. Temos esa sorte, claro está. O nivel de vida da provincia que rodea a sede central do gran imperio téxtil aumentou grazas ao esforzo de moitas e moitos, entre nas que nos atopamos. Como non imos estar contentas de formar parte desta gran compañía.

Mais... iso non pode impedir que denunciemos e esixamos que non nos discriminen. Temos dereito a reclamar un posto de traballo con salarios e condicións dignas. Que nos garanta o futuro con tranquilidade e permita vivir con soltura, tanto a nós coma as nosas familias. Non é moito pedir. Outros compañeiros e compañeiras do Grupo xa o conseguiron. Tamén tiveron que pelexar e protestar, pero conseguírono.

Non podemos parar de denunciar publicamente e de esixir a nosa parte de riqueza. Pásanos todos os días por diante da cara, pero nós temos dificultades para chegar a fin de mes.

Estou convencida de que ten moito que ver con que historicamente, as dependentas sexamos maioritariamente mulleres. Pero iso tense que acabar, temos que cobrar de acordo aos beneficios de Inditex e poder conciliar coas nosas familias.

Outras compañeiras xa o dixeron: non cobramos o que nos merecemos e aínda por riba estamos excluídas de axudas e beneficios que si se lle conceden a outros colectivos. POR QUE NOS SEGUEN TRATANDO COMO TRABALLADORAS DE SEGUNDA? POR QUE NON VALORAN O TRABALLO DAS DEPENDENTAS? SEN NÓS NON ENTRARÍA NIN UN EURO EN INDITEX.

E teño que insistir en que debemos de ser listas e non deixarnos arrastrar polas estratexias que pensan os negociadores de Inditex. Eles si teñen tempo e cartos suficientes para deseñar ámbitos de negociación que prexudican ás traballadoras galegas e da Coruña. Ante esta marea de dignidade que demostramos hoxe e que Inditex xa se sospeitaba desde hai tempo, a súa alternativa é negociar lonxe das traballadoras, levar a negociación a Madrid.

Para unha empresa grande que existe na Coruña e en Galiza, que sentido ten que se negocie en Madrid? Quen, con dous dedos de fronte, que realmente defenda os intereses das traballadoras pode aceptar ese marco?

É máis, COMO É POSIBLE QUE INDITEX IMPIDA A ENTRADA ÁS NEGOCIACIÓNS ÁS PROPIAS DEPENDENTAS? E porque só fai iso aquí na Coruña?

A resposta é porque sabe que nos merecemos moito máis do que recibimos e que estamos en condicións de reclamalo. Fagámolo!

E se non ceden despois desta demostración de apoio, teremos que continuar con máis medidas de presión.

GRAZAS A TODAS E A TODOS! VIVAN AS DEPENDENTAS DE INDITEX!