Traballadoras das tendas de Inditex manifestaranse na Coruña para exixir salarios dignos
Traballadoras das tendas do grupo Inditex na provincia da Coruña vanse manifestar o próximo domingo, 6 de novembro, para exixir condicións salariais e sociais dignas. As dependentas da principal multinacional do téxtil están fartas de non chegar a fin de mes e de ver como ano a ano se agrandan as diferenzas entre o que elas cobran e os soldos que perciben os traballadores doutras empresas do grupo, como os almacéns ou as fábricas.
Aínda que Inditex se abriu a negociar, as traballadoras consideran totalmente insuficientes as propostas de incrementos que a empresa está pondo enriba da mesa. Ademais, hai que salientar que a multinacional se nega a aplicar ás dependentas as melloras sociais das que si goza outro persoal, como as axudas por coidado familiar e para a adquisición de libros ou o bono-comedor.
Por todo isto, as traballadoras acordaron realizar unha manifestación o próximo domingo na Coruña, que sairá ás 12:00 horas da Praza de Lugo, pasará polos Cantóns, o Obelisco, a rúa Real e baixará polo calello Agar até a Avda. da Mariña para rematar na zona da dársena.