
Traballadoras das residencias privadas animan a secundar a folga con dúas concentracións na Coruña

Traballadoras de residencias privadas das Coruña concentráronse este venres diante dos centros Caser Residencial e Orpea en demanda dun convenio colectivo digno e para animar as compañeiras a loitar polos seus dereitos. As protestas enmárcanse no calendario de accións axitativas de cara á folga que a CIG-Servizos ten convocada no sector para os días 10 e 22 abril e 7 e 21 de maio en resposta á parálise na negociación colectiva.

CIG-Servizos denuncia que a maior parte das traballadoras están por debaixo do salario mínimo, unhas 8.000 das 12.000 persoas ocupadas neste sector; pero na súa última proposta, presentada no mes de outubro, a patronal pretendía deixar os soldos por debaixo do SMI até 2027, ademais de non contemplar complemento en caso de baixa, melloras de carácter social nin incluír unha redución da xornada laboral.
Unha proposta, sinalan, completamente inasumíbel e que as asembleas de traballadoras rexeitaron. Dende entón, e a pesar das mobilizacións e os chamados do persoal, a mesa non se volveu reunir. Por iso, a CIG solicitou a mediación da conselleira de Política Social, Fabiola García, á quen se lle pediu unha xuntanza xa no mes de setembro da que aínda non se ten resposta.
O abandono da administración galega (que ten as competencias en materia de política social), as políticas privatizadoras do PP e o poder que lle outorgan á patronal para explotar o persoal, levaron a convocar estas xornadas de folga.

A CIG-Servizos lamenta que as actuais condicións de traballo foron legalizadas por CCOO e UGT mediante a sinatura do convenio vixente, que ocasionou unha perda de poder adquisitivo do 7,8%. Ás baixas retribucións súmase a sobrecarga de traballo que o persoal ten que asumir a causa dunhas ratios obsoletas que non se axustan ás necesidades dos centros "nin permiten que tratemos as persoas residentes como merecen".
Co agravante de que a Xunta eliminou en decembro pasado a obrigatoriedade de contar coa presenza física de persoal de enfermería as 24 horas, "polo que se está pondo o persoal auxiliar de clínica a dar medicación cando non está formado para esta tarefa", advirten as traballadoras.
A isto engádese a decisión da Xunta ingresas persoas con doenzas psiquiátricas en residencias de maiores debido á falta de centros especializados, cando o persoal non ten nin a formación necesaria, nin é suficiente para atender estes casos.

Por iso denuncian que lles “están roubando ás persoas usuarias e máis ás súas familias” e reclaman mellorar as súas condicións salariais, ter cobertura en caso de baixa por IT; unha redución de xornada, das 1.762 horas actuais a equipararse co persoal das residencias públicas; e que se compensen os festivos, que nin sequera se pagan. “Urxe actuar e camiñar cara a un único marco, cara a un sistema de coidados público e garantista”, aseveran.