Traballadoras e residentes do centro Concepción Arenal reclaman máis persoal para garantir unha atención digna
Traballadoras e residentes da residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña (de titularidade pública pero xestionada pola empresa Samaín Servizos á Comunidade, do Grupo Clece) continuaron hoxe, por cuarto xoves consecutivo, coas concentracións para denunciar a falta de persoal e a atención precaria que se presta ás usuarias e usuarios.
Denuncian que aínda que o déficit de persoal, tanto auxiliar, como de limpeza ou de enfermería se vén arrastrando dende hai anos, a entrada de Samaín na xestión da residencia supuxo afondar nesta precariedade, de tal xeito que, a día de hoxe, no caso do persoal DUE non se están a cumprir coas ratios estabelecidas na normativa de aplicación.
De feito, na maioría das quendas de noite e en moitas quendas de día, non hai presenza de persoal de enfermería titulado, cando así o obriga a lexislación nos centros con máis de 40 residentes. Esta situación foi denunciada en diversas ocasións pola representación da CIG, pero nin a empresa, nin a Xunta de Galiza "nos fan caso". A tal punto, que Samaín incluso tenta suplir a falta de DUE con persoal sen a titulación necesaria.
Pero, ademais, os problemas agraváronse tamén nos servizos de limpeza e lavandería, xa que Samaín non subrogou a catro traballadoras, deixando en mínimos o cadro de persoal, que se ve sobrecargado e incapaz de garantir as condicións de hixiene e desinfección necesarias nunha residencia na que viven 150 persoas.
A isto hai que sumar a falta de persoal auxiliar suficiente polo que, "no mellor dos días, hai unha ratio de 2,5 auxiliares por cada 30 residentes". Isto provoca situacións como que haxa persoas que van almorzar sen asearse ou que son levantadas ás 12 da mañá despois de pasar 14 horas na cama e sen probar alimento.
"Non queremos ser cómplices deste abuso"
Con estas concentracións queren denunciar a explotación laboral que están a sufrir as traballadoras pola falta de persoal, pero sobre todo o trato indigno que se lle está a dar ás e aos residentes. E neste senso, critican o desleixo da Xunta de Galiza (titular deste centro residencial) que en lugar de exercer as súas labores inspectoras e obrigar a empresa a cumprir cos pregos de condicións, consinte e promove estas prácticas que mercantilizan os coidados.
"Non queremos ser cómplices deste abuso e da precariedade do servizo. Coas persoas residentes, engaden, non se mercadea, non poden ser moeda de cambio para beneficio duns poucos". Por iso, tamén demandan a xestión directa pola Xunta das residencias, un incremento das prazas e do gasto públicos por praza para así garantir unha atención digna e unhas condicións laborais decentes.
"Samaín enténdeo ben, necesitamos máis xente"
Nas concentracións tamén están participando residentes do centro que lle reclamaron á Samaín Servizos que contrate máis persoal para poderen recibir a atención digna que "merecemos". Neste senso, unha das residentes colleu o megáfono para denunciar as carencias de persoal e puxo o énfase en que moitas das persoas que viven no centro Concepción Arenal precisan de axuda para algo tan básico como comer ou facer o aseo.
"Samaín escoita, necesitamos máis persoal para que nos laven ben, non a correr, correr e correr. Samaín enténdeo ben, necesitamos traballadoras, pero non traballadoras amargadas e estresadas, senón xente con amor á súa profesión para que me axuden a estar limpa", demandou.